Opinión

Por que soberanía?

Que a Galiza é unha nación recoñéceo até a Constitución do 78 e, como nación, ten dereito a soberanía nacional e popular.

A maxistral lección que a deputada do BNG, Olaia Rodil deu na súa intervención no Parlamento de Galiza o pasado 23 de decembro, "Nacionalismo galego para dummies do PP", afirmando: "Os/as nacionalistas defendemos a soberanía nacional de Galiza", é dicir, "defendemos como organizarmonos política, social, económica e culturalmente…", deume pé para reflexionar sobre os conceptos básicos do nacionalismo. Partimos dunha definición xenérica de nación: formación social que posúe lingua, cultura e territorio propio con caracteres diferenciados.

Que significa soberanía? A primeira afirmación é que Galiza é unha nación. Desta afirmación derívanse consecuencias políticas que non poden ser negadas e que non responden a un dereito que outorguen os votos. Que Galiza é unha nación recoñéceo até a Constitución do 78. Como nación ten dereito a soberanía nacional e popular, pois, recoñécese que a autoridade para organizarse libremente, sen dependencias, procede do pobo. Só desde a soberanía, sendo dono de si mesmo, un pobo pode autodeterminarse.

Autodeterminación é outro dos conceptos políticos derivados do seu status como nación, pois necesita ter poder soberano para autodeterminarse, é dicir, para exercer a facultade autoconstituínte. Autodeterminación non é separatismo. Non é ser excluínte, é poder organizarse desde si mesmo. Un pobo autodeterminado elixe a os seus aliados, dá lugar a un internacionalismo entre iguais. Autodeterminación significa poder elixir a modalidade constitucional. Que o pobo galego escolla libremente, soberanamente, a súa forma de organización política, cultural, económica e social até a súa forma de relación con outras nacións e pobos.

Na teoría política clásica esta elección pode ter dúas vías. Unha, a independencia, e outra, a participación nunha organización federal ou confederal. Pero esta escolla ten que facela o pobo. Ten que optar o pobo como suxeito soberano á construción das súas institucións. Institucións propias que recoñezan as peculiaridades como nación diferenciada. Ten que se dotar de instrumentos que permitan o seu desenvolvemento harmónico. É un proceso de conquista da liberdade que como pobo nos corresponde nos eidos económicos, culturais e sociais.

O BNG, fundado en 1982, recolle na súa Carta de principios políticos, ideolóxicos e valores, no primeiro punto, a definición de Galiza como nación e o seu dereito de autodeterminación. O BNG ten como antecedente o BN-PG, coalición formada pola UPG e AN-PG. Eu formei parte da portavocía da AN-PG e fun unha das cinco militantes que legalizamos en 1978 esta fronte patriótica galega, suprapartidista, creada en 1975 e integrada no BNG desde o ano 1982. Defendemos sempre un texto fundacional, asumido despois polo Consello de Forzas Políticas Galegas: "Bases Constitucionais da Nación Galega para un pacto federal". Eran os principios e valores que deberían informar as atribucións e competencias das partes federadas.

O texto aprobado no IV Plenario da AN-PG en decembro de 1979 recoñece a Galiza como nación soberana, nunha constitución que recoñeza a plurinacionalidade do estado español, texto pactado cos cataláns CIU e vascos PNV, promovendo unha cultura federal ou confederal, integrada nunha Europa democrática. Era un programa para a ruptura. Mais a ruptura democrática contra o franquismo non tivo lugar, impúxose o reformismo, constituído por unha dereita franquista e unha parte da oposición democrática.

Na Galiza, a aprobación da Constitución do 78 non tivo lugar. Os votos afirmativos non chegaron ao 50%, Ourense tivo un 35% e Lugo un 37% de votos positivos. O camiño do nacionalismo galego está na construción das organizacións de base, independentes de calquera organización centralista e na formación de unha conciencia soberana que se opoña ao sometemento colonial da nosa terra. Por iso berramos "viva Galiza ceibe e popular". Soberana e autodeterminada. Independente, federada ou confederada? O pobo é quen mais ordena…

Comentarios