Nace a revista "Galiza no deporte"

Vía Galega lanza, coa idea de reivindicar a oficialidade da selección galega en todas as disciplinas e a importancia histórica do deporte no país, unha publicación e unha exposición que iniciará a súa andaina na cidade de Lugo.  
De esquerda a dereita, Héctor Pena, xornalista; Anxo Louzao, de Vía Galega; e o deputado de Deportes, Efrén Castro (Nós Diario).
photo_camera De esquerda a dereita, Héctor Pena, xornalista; Anxo Louzao, de Vía Galega; e o deputado de Deportes, Efrén Castro (Foto: Nós Diario).

A plataforma social Vía Galega presentou esta quinta feira en Lugo o número cero da revista Galiza no deporte, unha publicación divulgativa, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que repasa a historia deportiva da Galiza, achegando información sobre a historia das seleccións e das participacións olímpicas de deportistas do país. 

"Fúrtasenos o dereito a competir, agás no fútbol gaélico, como galegas e galegas en todas as modalidades e disciplinas deportivas, tanto en torneos oficiais como internacionais", sinalan no seu editorial, polo que  apuntan á necesidade de "unir todas as forzas para modificar a lexislación e romper a nosa subordinación das federacións españolas e, así, poder competir oficialmente". 

A aparición desta revista enmárcase dentro da campaña que Vía Galega vai desenvolver por toda a Galiza, co obxectivo "de levantar un amplo movemento, exixindo o dereito a formar seleccións en todos os deportes para competir a todos os niveis, galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero". Alén da revista, contará cunha exposición con varios bloques temáticos que abranguen desde o fútbol até os deportes tradicionais.

Reportaxes, entrevistas e unha mesa redonda

A publicación, da que se lanzaron 5.000 exemplares, conta con reportaxes sobre a historia do deporte en Lugo, modalidades acuáticas, tríatlon, fútbol gaélico e loita galega ademais de entrevistas a Belén Toimil, Chano Rodríguez e Ezequiel Mosquera

No seu interior tamén hai unha mesa de debate na que participan os xornalistas Afonso Eiré, Noela Rei Méndez, Silvia Carregal e Héctor Pena. A revista inclúe o manifesto "Galiza, un pobo, unha selección" asinado, entre outras persoas, por Fernándo Vázquez, Pili Neira, Pedro da Silva e Xulia Vaquero xunto a numerosas e numerosos deportistas da Galiza.

Contidos para dignificar o noso

O coordinador dos contidos da revista é o xornalista Héctor Pena, responsábel de Deportes de Nós Diario e de publicacións como Historia do Trofeo Teresa Herrera. Explica ao xornal que a publicación ten dúas vertentes, "por un lado reivindicar o dereito a competir oficialmente por parte das seleccións deportivas galegas e por outro explicar o alto nivel que temos no país". 

Este é o motivo de que a escolma de protagonistas e modalidades introducira nomes coñecidos do pasado e do presente en competicións internacionais, como é o caso dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos. 

"Queremos mostrar non só que é posíbel competir, tamén podemos gañar títulos como aconteceu co fútbol gaélico", sinala Pena. De entre as páxinas de Galiza no Deporte, este xornalista subliña unha reportaxe sobre a loita galega, un dos 64 deportes e xogos populares da Galiza catalogados en situación de perigo de extinción. "É propia nosa e era tan importante que Rosalía de Castro chegou a escribir un dos seus poemas sobre ela", relata Pena.

Comentarios