A sociedade galega quece motores para a manifestación do domingo pola sanidade fronte ás descualificacións da Xunta

Manifestación convocada por SOS Sanidade en novembro de 2021. (Foto: César Arxina / Europa Press)
SOS Sanidade Pública, entidade convocante desta protesta, cuestiona as propostas da Consellaría para resolver as múltiples eivas na atención primaria: "De verdade alguén pensa que un médico tras facer o seu duro horario laboral vai ter a posibilidade de ir 'no tempo libre' e de maneira 'voluntaria' a cubrir os PAC que están sen médico porque a Xunta decidiu gastar en sanidade menos da metade do orzamento que indica a OMS?".

Este domingo ás 12 horas partirá da Alameda de Santiago a marcha convocada polo colectivo SOS Sanidade Pública na defensa da atención primaria, unha manifestación nacional para a que xa confirmaron asistencia centos de persoas que se desprazarán á capital a través dos diferentes autobuses que partirán de diferentes puntos do país.

Desde a comarca do Condado chegarán catro autobuses cheos, segundo vén de confirmar a Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Condado e da Paradanta. "Estamos moi satisfeitos e satisfeitas pola resposta dada por parte das veciñas e veciños das nosas comarcas, que evidencia unha clamorosa oposición ao desmantelamento da sanidade pública e o calculado empeoramento da mesma para favorecer a privada", celebran.

Tamén haberá unha nutrida presenza de veciñanza do Salnés, que dispón de autobuses no Grove, Meis, Cambados e Vilagarcía, e do Baixo Miño, cuxa representación viaxará en cinco vehículos, así como da Coruña ou Soutomaior, en cuxo centro de saúde a falta de recursos leva a non dispor de cita para unha consulta até o mes de marzo e a fechar a axenda da pediatra. Uns autocares sobre os que chanceou no pleno do Parlamento desta semana o presidente galego, Alfonso Rueda, tentando sacar ferro á mobilización: "Para pagar autobuses si hai cartos".

No medio da crecente crispación social polas eivas na atención primaria galega, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, desvincula as últimas medidas anunciadas polo seu departamento desta protesta, que "son para executar" xa, e afirma que "a Xunta xa se manifesta todos os días en todos os foros en favor da sanidade pública, e non un día ou unha semana concreta". A pasada semana denunciou o "uso partidista" desta manifestación, ao igual que un Alfonso Rueda que asegura que está "politizada" por contar co apoio de concellos e deputacións gobernados por BNG e PSdeG.

"Non anunciamos medidas para non facelas despois. Todas as medidas están orientadas desde sempre a defender a sanidade pública. Outros defenden a sanidad convocando manifestacións e non apoiando as medidas da Xunta, nin tampouco a apoian pedindo a quen ten a competencia para formar máis médicos que o faga", argumentou o conselleiro, aludindo ao anuncio dunha mellora retributiva para médicos que "boten unha man" nas gardas en PAC ou a convocatoria de novas prazas por concurso de méritos.

"De verdade alguén pensa que un médico tras facer o seu duro horario laboral vai ter a posibilidade de ir 'no tempo libre' e de maneira 'voluntaria' a cubrir os PAC que están sen médico?", retrucan desde SOS Sanidade

Unhas medidas, porén, que son duramente criticadas por unha parte importante do persoal sanitario. "De verdade alguén pensa que un médico tras facer o seu duro horario laboral, coas súas gardas correspondentes, vai ter a posibilidade de ir 'no tempo libre' e de maneira 'voluntaria' a cubrir os PAC que están sen médico porque a Xunta decidiu gastar en sanidade menos da metade do orzamento que indica a OMS?", retrucan desde SOS Sanidade.

"Despois de ver as consecuencias da terríbel e destructiva xestión feita, igual en vez de argallar agora a correr máis ideas peregrinas para mandar aos medios, compensaba que tomasen en serio a realidade. Ao mellor sería bo empezar a reducir o orzamento público de ir de festas gastronómicas nas fins de semana [en alusión ao anuncio de Alfonso Rueda de que irá o domingo, mentres decorre a manifestación, á Feira do Cocido de Lalín], con séquito e seguridade incluídos, e aforrar para a sanidade", engade o colectivo, que vén de rexistrar no Parlamento máis de 50.000 sinaturas para avalar a iniciativa lexislativa popular (ILP) na defensa da Primaria.

García Comesaña cuestiona a falta de apoio ás súas propostas de BNG e PSdeG —como o atraso da xubilación até os 72 anos para o persoal médico—, que entende como un atranco á resolución dos problemas no sistema sanitario. As forzas da oposición, porén, xustifican o sentido do seu voto cualificándoas de "parches" e "ocorrencias".