Educación

Un de cada dez docentes do ensino non universitario é interino: en que especialidades hai máis temporalidade?

O conselleiro de Educación Román Rodríguez, nun encontro esta segunda feira con autoridades educativas da Coruña. (Foto: Xunta da Galiza).

A temporalidade do profesorado é unha realidade nos diversos niveis educativos. Un estudo difundido esta segunda feira pola federación de ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG), tomando como referencia os propios datos fornecidos pola Consellaría de Educación, sinala que 9,2% do corpo docente do ensino público non universitario é interino.

O sistema educativo público non universitario conta con 30.127 docentes, dos cales 2.768, isto é 9,2% do total, son interinos. Neste sentido, a CIG-Ensino apunta que “a taxa de interinidade total está lonxe do 5% que aseguraba ter alcanzado a Consellaría, chegando a falar o conselleiro de 2%, para limitar a temporalidade na contratación do seu persoal”. Ao tempo, a central sindical denuncia “a rotunda falsidade da información proporcionada polo conselleiro de Educación, quen xa con data 6 de setembro cifrou 'en máis de 31.000 docentes' o total do profesorado con que contaba a educación pública galega”.

A porcentaxe de profesorado interino difire moito segundo o corpo e as especialidades de que se trate. Neste punto, as taxas máis reducidas atópanse entre o corpo de mestres e mestras, sendo inferior a 2% o persoal interino nas especialidades tradicionalmente maioritarias, como son infantil e primaria, porén, estas porcentaxes superan 10% en áreas como Audición e Linguaxe ou Francés. A este respecto, desde a CIG- Ensino desvelan que “as importantes cifras de xubilacións que se producen neste corpo fan agardar por ofertas amplas en todas as especialidades”, na oferta de emprego público (OPE) de 2024 moi especialmente en infantil e primaria que representa 43% do total.

Ensino secundario

As cifras de interinidade entre o persoal de secundaria e Formación Profesional (FP) son moi diverxentes. Neste ámbito, as especialidades propias da FP rexistran as taxas superiores, chegando a alcanzar o 20% en moitas delas, destacando familias profesionais de Agraria, Edificación e Obra Civil ou Informática e Comunicacións. Asemade, a porcentaxe de temporalidade nas 10 especialidades de Profesorado Especialista en Sectores Singulares de FP achéganse a 10%, con índices de perto de 20% en ramas como Mecanizado e mantemento de máquinas, Patronaxe e confección ou Fabricación e instalación de carpintaría e móbel”.

O número de profesorado interino entre o persoal de Secundaria e Bacharelato é superior a doutras áreas do ensino secundario, mais a súa porcentaxe é inferior. Nesta dirección, a súa proporción máis elevada é nas especialidades de Economía con 16,6%, Tecnoloxía con 13,3%, Educación Física con 12,9%, Lingua e Literatura Galega con 12,7%, Inglés con 12,1%, Filosofía con 10,5%, Orientación educativa con 9,9% ou Latín con 9,4%. A este respecto, desde a CIG-Ensino avanzan que “se reparamos no número absoluto de interinidades e non nas porcentaxes, son as especialidades de Lingua e Literatura Galega, Inglés ou Tecnoloxía as que máis destacan, superando todas elas o centenar de interinidades”.

A situación entre o persoal que imparte aulas nas ensinanzas de réxime especial é do máis estábel. Nesta caso, as porcentaxes de interinidade entre o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), dos conservatorios profesionais ou das escolas de arte e superiores de deseño son por carácter xeral próximas ás porcentaxes mínimas, situadas arredor de 2%. Aínda así, a CIG-Ensino considera que merecen “atención na oferta para próximas oposicións, tanto de oferta libre como de promoción interna para outros corpos”.

Evitar a temporalidade

A federación do ensino da CIG lembra que “as prazas que se poden convocar nas ofertas de emprego están condicionadas polos criterios fixados pola Consellaría de Educación para determinar que prazas son estruturais e as non estruturais”. Nesta liña, reclama das autoridades educativas información “clara”, “evitando que se produzan novas situacións como as vividas en anos anteriores, nas que a aplicación de taxas de reposición e a retención de prazas nas OPE provocaron que se incrementase de persoal temporal”.