Longas fileiras de estudantes en Santiago de Compostela para conseguir un piso de cara ao vindeiro curso

Fileiras de estudantes ás portas dunha axencia inmobiliaria en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A comunidade universitaria denuncia a pouca oferta de vivendas dispoñíbeis para o estudantado, así como as condicións destes inmóbeis.

O BNG de Santiago de Compostela compartiu esta segunda feira nas súas redes un par de imaxes nas que se poden ver longas fileiras de estudantes universitarios que acoden ás axencias inmobiliarias en busca dunha vivenda para o vindeiro piso.

Estas imaxes, que se repiten noutras cidades galegas, dan boa conta dos problemas de acceso a vivenda que denuncia unha gran parte da comunidade universitaria na Galiza.

Sindicatos estudantís levan anos a denunciar que o modelo turístico de cidades como Santiago reduce considerabelmente a oferta de pisos dispoñíbeis para o estudantado, debido a que a maior parte dos propietarios e propietarias optan por alugar as súas segundas e terceiras vivendas a prezos só accesíbeis para os turistas.

A isto súmase a baixa calidade dunha gran parte dos pisos de estudantes. Neste sentido, a comunidade universitaria denuncia a súa indefensión ante certos comportamentos abusivos por parte de propietarios e axencias inmobiliarias.

A situación turística de Compostela

No que atinxe ao mercado de apartamentos turísticos, a capital da Galiza é un dos lugares cunha maior oferta.

Durante unhas xornadas de investigación organizadas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) a mediados de xaneiro deste ano, co obxectivo de abordar a problemática da vivenda e as propostas públicas, o responsábel da área de urbanismo de Compostela, Carlos Boveda, fixo fincapé en que a esta situación hai que engadir 16.000 prazas hoteleiras na cidade.

Amais, percorreu as distintas fases da expansión destas explotacións, que pasaron de ter vetada a presenza no casco antigo da cidade, a abrirse primeiro á actividade hoteleira, e despois aos pisos turísticos, ocasionando que, cando o problema se fixo patente, multinacionais como Airbnb xa tiñan moi avanzada a súa presenza.

Especialmente en Compostela, ten “que intervirse o mercado de apartamentos turísticos e regularse dun xeito máis drástico”, aseveraba o catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC, Rubén Lois.

O catedrático narrou que o anterior Goberno municipal (Compostela Aberta) "non fixo nada" por informar de expulsión de residentes e encarecemento da vivenda, e que o actual (PSdeG) tampouco está a facer nada nese sentido.