A Lei do ciclo integral da auga entrará en vigor o vindeiro 1 de setembro

#auga #seca #hidrolóxico #augasdagaliza #augasdegalicia #augas #alerta (Foto: Nós Diario)
A norma que publicou esta sexta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) tivo o rexeitamento da oposición, concellos e deputacións.

A Lei do ciclo integral da auga entrará en vigor o 1 de setembro despois de publicarse onte no Diario Oficial da Galiza (DOG). A nova norma aprobouna o Pleno Parlamento galego o 28 de xuño coa maioría do PP e o rexeitamento da oposición -BNG e PSdeG- por considerala unha "suba de impostos".

O obxectivo desta nova norma é, segundo o Goberno galego, "axudar aos concellos para xestionar o servizo de forma ordenada e planificada". Desde a Xunta afirman que con esta nova lei estarán a dispor dos municipios “instrumentos para profesionalizar os servizos”, de forma que os técnicos municipais contarán con programas de formación periódica e directrices que lles servirán de guía. Con todo, as localidades que o desexen, poderán ceder a xestión das infraestruturas hidráulicas á Xunta.

Por outra parte, nun comunicado a Xunta explica que a normativa suporá aplicar unhas tarifas "transparentes e homoxéneas" en toda a Galiza, que "respectan a autonomía municipal e non supoñen incremento de tarifas nin imposición de ningún tipo". 

Rexeitamento da Lei

A Lei só contou co apoio do PP e, pola contra, tivo diante a toda oposición parlamentaria, Concellos, Deputacións e mesmo o Consello Económico e Social (CES) que non concordaba co proxecto presentado. O principal temor sinala a posibilidade de que as persoas usuarias e contribuíntes pasaran a pagar máis pola factura da auga.

Malia negar esta posibilidade a Consellaría, persoal técnico da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) estimou que “nunha familia de tres membros cun consumo de ao redor de 39 metros cúbicos, a factura aumentaría por volta de 60%".

De feito, na memoria económica do proxecto contémplase un incremento da carga fiscal cun aumento da recadación de Augas da Galiza a través, por exemplo, do canon de xestión de depuradores, que prevé uns ingresos no primeiro ano de 12 millóns de euros fronte aos 5,8 actuais. 

Ademais, preocupa as obrigas que pasarán a ter as entidades locais e Concellos que non participación na súa elaboración, unha das críticas que realizaron desde o BNG e o PSdeG.

O proxecto de lei tamén estabelece toda unha serie de obrigas a cumprir polos Concellos en pouco tempo, como adaptar instalacións a realizar auditorías e controis, o que desde a oposición consideran "abafante" e difícil de realizar por entidades municipais nun contexto económico como é o actual.