O PP tomba a iniciativa coa que o BNG quería mudar a Lei de Augas

O grupo maioritario da Cámara, o Partido Popular, tombou unha iniciativa do BNG para mudar a Lei de augas. A formación nacionalista argumentou que se trata dunha lei "recadatoria" e "inxusta". A vice-voceira do BNG, Ana Pontón, lembrou os asasinatos de Nebra en 1916 para exemplificar a "inxustiza" da política fiscal do PP.

Ana Pontón nun pleno do Parlamento
photo_camera Ana Pontón nun pleno do Parlamento

A lei permite gravar cunha taxa mesmo as traídas pagadas do seu peto pola veciñanza ou pertencentes a pozos privados. Centos de núcleos rurais espallados por toda Galiza financiaron a canalización da auga cos cartos d@s veciñ@s. Sen ningunha axuda institucional levaron a auga ás moradas favorecendo o uso deste recurso considerado internacionalmente como un "ben común", como lembrou o deputado de AGE, Antón Sánchez. Agora, a Xunta de Núñez Feijóo cóbralles un gravame que deixa sen efecto as exencións fixadas durante os anos 90. 

Da mesma maneira acontece coas explotacións gandeiras, os domicilios particulares ou a hostelaría e fixa unha taxa que supón o pagamento de entre un 7% e un 20% máis de media polo recibo da auga do que pagan as grandes empresas beneficiadas polas bonificacións fiscais aprobadas polo goberno. Para o BNG esta lei supón unha medida "recadatoria" e "inxusta" polo que instou ao Parlamento galego a mudala a través da toma en consideración dunha Proposición de Lei que, no entanto, o Partido Popular rexeitou. 

PSdeG e AGE apoiaron a proposta presentada polo BNG que atopou o rexeitamento do Partido Popular

Mercantilizar un servizo público

"A auga é un servizo público que debe garantirse ao 100% da poboación", sinalou Ana Pontón ao tempo que denunciou a "mercantilización" que o Partido Popular promove con medidas como a Lei de Augas. Porén, desde o grupo maioritario apelaron a unha "directiva europea" para asegurar que a súa lexislación viña deseñada polas institucións comunitarias. Mais o certo é que a norma aprobada polo executivo de Núñez Feijóo presupón mesmo un número mínimo de persoas en cada morada o que fixa unha porcentaxe de consumo inicial que nos máis dos casos pode exceder con moito o real --como lembrou a deputada socialista, Patricia Vilán. 

O Bloque denunciou a estratexia do PP que emprega "a aplicación de tributos inxustos" para "saquear os de abaixo"

Mais o certo é que á medida --cuxa tramitación se iniciou en 2010-- viñeron sumarse con posterioridade o céntimo sanitario, o re-pagamento nos comedores e os fármacos, ou a recente suba do imposto de recollida do lixo, sinalaron desde o BNG. Unha serie de decisións que ao entender d@s nacionalistas deixan clara a estratexia do Partido Popular. "Vostedes comezaron co canon da auga para continuar co incremento da factura no lixo", sinalou Pontón, un conxunto de iniciativas que, denunciou, visan "saquear aos de abaixo" a través, asegurou, "da aplicación de tributos inxustos". "Un saqueo", sentenciou a deputada do BNG, declaracións que foron suprimidas do diario de sesións pola presidenta da Cámara Pilar Rojo malia a negativa da vice-voceira nacionalista. 

Os acontecementos de Nebra

Neste senso, e aproveitando a conmemoración do 93 aniversario dos asasinatos de Nebra --acontecidos en Porto do Son en 1916-- Ana Pontón exemplificou a aplicación dese sistema tributario "inxusto" apelando á obra Historia dunha infamia de Xerardo Díaz en que o autor narra os acontecementos daquel 12 de outubro en que foron asasinadas 4 mulleres e un home a mans da Garda Civil durante un protesto contra os embargos que o goberno pretendía executar após a aplicación duns "impostos abusivos" que o campesiñado non podía pagar. "Hai  un paralelismo", explicou Pontón, "entre o acontecido en Nebra e a realidade que estamos a vivir hoxe, cen anos despois,  a aplicación de tributos inxustos".

Comentarios