O investimento da Xunta da Galiza en servizos públicos, á cola do Estado: 231 euros por habitante menos ao ano

Alfonso Rueda co conselleiro de Sanidade, García Comesaña, cuxo departamento é un dos máis afectados polos recortes da Xunta da Galiza. (Foto: Europa Press).

Os novos datos achegados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) advirten de que o Goberno galego está á cola do Estado en investimentos en servizos públicos, cuxas tres principais patas son o ensino, a sanidade e os servizos sociais.

A Galiza sitúase á cola do Estado en investimento en servizos públicos, segundo os datos que vén de divulgar a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), organismo independente de control fiscal creado polo Goberno español a iniciativa da Comisión Europea. Os datos, procedentes da liquidación dos orzamentos de 2022 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), indican que o gasto nesta materia situouse en 3.072 euros por habitante ao ano, 231 euros por baixo da media estatal.

O investimento en servizos públicos recollido na liquidación do IXAE contabiliza os fondos destinados pola  Administración para financiar os diversos niveis de asistencia sanitaria, os distintos tramos da oferta educativa e a totalidade dos servizos en materia de benestar recollidos na lexislación. Nestes tres casos, a prestación correspóndelle ás comunidades autónomas, que teñen transferida a súa xestión polo Goberno do Estado.

A Airef sinala que só Madrid inviste en servizos públicos menos que a Galiza. Así, a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso destina a prestación sanitaria, educativa e de servizos sociais 3.025 euros por habitante ao ano. Porén, neste caso os seus custos reais son máis reducidos que na Galiza, ao rexistrar unha poboación menos envellecida e carecer dunha estrutura territorial tan dispersa como a galega.

A fenda da Galiza co Estado

A fenda de Madrid e a Galiza con outras comunidades do Estado é significativa, sendo as únicas cuxo gasto por habitante en servizos públicos está por baixo de 3.100 euros por persoa e ano. Nunha dirección contraria atópanse Nafarroa e Euskadi, cun investimento en servizos públicos de 4.341 e 4.002 euros por residente e ano, respectivamente. Unha e outra sitúanse á cabeza do Estado en gasto nesa materia. O investimento en servizos públicos volveu caer en 2022. Se en 2021 o gasto da Xunta da Galiza foi de 2.989 euros ao ano por habitante, na seguinte anualidade ficou en 3.072 euros, o que representa unha baixada, unha vez descontada a inflación, de 99 euros per capita. Nesta liña, as últimas cifras procedentes do IXAE confirman a tendencia á redución  do investimento público inaugurada á volta de 2009, co retorno ao Goberno galego do Partido Popular, tras a experiencia do Executivo de coalición entre nacionalistas e socialistas.

O investimento en servizos públicos por persoa na Galiza está en 3.072 euros ao ano. (Infografía: Nós Diario)

Os datos de 2022 amosan que a fenda en investimento en servizos públicos coa media estatal volveuse incrementar, ao medrar o gasto na Galiza dous puntos menos que no conxunto do Estado. Ao tempo, o gasto nesta materia rexistrou unha caída real en relación á anterior anualidade, agardándose unha baixa, aínda máis elevada, nos datos respectivos a 2023.

O gasto en sanidade, educación e servizos sociais da Galiza atópase, tamén, por baixo da media do Estado. Así, o investimento sanitario anual por habitante no país fechou en 1.727 euros ano en 2022, é dicir, 43 euros por baixo da media estatal, fixado en 1.770 euros por residdente. Neste punto, a Airef indica que só Andalucía e Madrid destinan a sanidade menos fondos que a Galiza, dedicando a primeira 1.555 euros por persoa e a segunda 1.709.

Investimento en saúde

Os novos datos da Airef amosan que o investimento sanitario volveu reducirse, na liña da tendencia iniciada en 2009, pero acentuada nos últimos anos do Goberno de Núñez Feixoo. Sen ir máis lonxe, até 2019 o investimento en saúde no país era superior á media estatal, superando nesa anualidade en 13 euros o gasto por habitante do conxunto do Estado. Precisamente, a partir deste exercicio comeza a agrandarse a fenda nos diversos niveis sanitarios, até aquela altura só existente no nivel primario.

A situación non é mellor en servizos sociais. Nesta materia, a Airef destaca que o gasto medio por habitante no país é de 300 euros, 78 euros inferior á media do Estado, con só Euskadi e Murcia investindo menos que a Galiza. Neste sentido, Euskadi destina a servizos sociais 256 euros ao ano por persoa e Murcia 273. Precisamente, en 2022 superaron a Galiza en gasto social Aragón e Canarias, que tradicionalmente presentaban un esforzo investidor menor. A diverxencia en gasto social entre a Galiza e o Estado alcanzou o seu nivel máximo en 2022, tras marcar unha diferenza de 78 euros. Esta cifra é resultado da ausencia dun compromiso orzamentario por parte do Goberno galego con esta materia e explícase atendendo as prioridades investidoras da Xunta da Galiza nestes anos.

A este respecto, só o gasto social medrou de maneira decidida no país en 2007, 2008 e 2009, onde os orzamentos en servizos sociais medraron, respectivamente, en 21%, en 27,5% e en 16,3%.

O gasto educativo do Goberno galego está, tamén, por baixo da media estatal. Nesta dirección, o investimento anual por habitante en educación da Galiza foi de 1.043 euros, unha contía inferior en 57 euros á media do Estado. Asemade, só Asturias, Madrid, Castela e León e Castela-A Mancha destinan menos que o país, dedicando a primeira 941 euros por habitante, a segunda 960 euros por persoa mentres que as dúas Castelas sitúanse a un nivel de gasto parecido a Galiza, con 1.012 e 1.039 euros.


O desmantelamento do Estado de benestar acelerouse desde  2009

A categoría de servizos públicos integra a medular do Estado de benestar, conformada arredor da educación, da sanidade e dos servizos sociais. Son precisamente estes piares do vello contrato social entre o capital e o traballo, os que máis sufriron as políticas dos Executivos de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, até o punto de asistir a unha caída continuada do investimento público nos mesmos desde o ano 2009. As cifras dos orzamentos da Xunta da Galiza para este ano 2024 sitúanse na mesma dirección.

O investimento sanitario volve rexistrar unha rebaixa nas contas públicas desta anualidade. Segundo se recolle na Lei de orzamentos de 2024, o investimento en sanidade fica en 5.165 millóns de euros, o que significa unha caída en relación a 2023, unha vez descontada a inflación, de 70,4 millóns de euros. A maiores, os fondos da Consellaría de Sanidade seguen 71 millóns de euros por baixo das contas públicas de 2009, as últimas aprobadas polo Goberno de coalición na Xunta entre o PSdeG e o BNG. Precisamente, a rebaixa máis elevada concrétase en Atención Primaria, onde a contía das partidas están 327 millóns de euros por baixo dos orzamentos de 2009.

A situación non é mellor a nivel educativo. Se na anualidade de 2023 a Consellaría de Cultura e Educación contaba cun presuposto de 2.795 millóns, nas contas públicas do actual exercicio dispón dun total de 2.858. Unha vez descontada a suba da inflación, a partida sofre unha caída de 150 millóns, confirmando a tendencia á baixa que arrancou en 2010, co primeiro orzamento de Feixoo.