Consello da Xunta

A Xunta convoca estas 2.335 prazas de oposicións para Educación, Xunta, Inspección Sanitaria e CRTVG

Rueda informou de que se volverá permitir, por segundo ano, a cobertura de prazas de difícil cobertura polo sistema de concurso en Sanidade. A lista dos médicos que cubrirán estas prazas publicarase no DOG esta sexta feira.
Reunión do Consello da Xunta de hoxe. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Reunión do Consello da Xunta de hoxe. (Foto: David Cabezón)
  1. Administración xeral
  2. Prazas médicas de difícil cobertura
  3. Inspección sanitaria e Saúde Pública
  4. Oposicións na CRTVG
  5. Bolsas para profesionais de bibliotecas

O Consello da Xunta deu esta quinta feira luz verde ás Ofertas Públicas de Emprego (OPE) para a cobertura de 1.750 prazas en Educción, 540 na Administración Xeral da Xunta, 19 en Inspección Sanitaria e Saúde Pública e 26 na CRTVG. Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, o presidente Alfonso Rueda detallou que, a proposta da Consellaría de Facenda, aprobouse a OPE pola que se convocan as prazas para a CRTVG, 14 de quenda xeral —de acceso libre— e 12 de quenda interna.

Aliás, o presidente galego informou da convocatoria de oposicións para 540 prazas na Administración Xeral da Xunta, das que 487, o 90%, serán de acceso libre, e as 49 restantes, de promoción interna. O Goberno galego tamén deu luz verde, a proposta da Consellaría de Sandiade, da OPE correspondente a 19 prazas para reforzar os servizos de Inspección Sanitaria e Saúde Pública.

Rueda tamén informou de que se volverá permitir, por segundo ano, a cobertura de prazas de difícil cobertura polo sistema de concurso. "Este ano estabeleceuse un novo concurso para cubrir 72 prazas", dixo, e precisou que a lista dos médicos que cubrirán estas prazas será publicada polo Diario Oficial da Galiza (DOG) esta sexta feira.

Por último, tamén se deu luz verde á convocatoria o próximo ano de 1.750 prazas en oposicións para a Educación pública, das que 1.512 serán de novo ingreso. "Suporá a maior oferta de prazas para profesorado dos últimos anos", afirmou.

Administración xeral

Na súa comparecencia, o presidente tamén informou da convocatoria dun total de 536 prazas de emprego público en xaneiro de 2024, segundo se desprende doutro informe analizado hoxe polo Consello. En concreto, 487 serán de acceso libre e poderán acceder todas aquelas persoas que cumpran os requisitos estabelecidos en cada convocatoria.

En total serán 23 procesos para cubrir 487 prazas de acceso libre ás que poderán acceder todas aquelas persoas que cumpran os requisitos fixados en cada unha das convocatorias; e outros 10 procesos para cubrir outras 49 prazas de promoción interna destinadas a empregados públicos que xa teñen un posto fixo na Administración.

Prazas médicas de difícil cobertura

Na súa intervención, ademais, o presidente do Goberno galego informou da incorporación, nas próximas semanas, de 72 novos médicos de atención primaria a postos de difícil cobertura a través do sistema de concurso que lles permite ter acceso a condicións de persoal estatutario fixo sen necesidade de realizar un exame. De feito, o Diario Oficial da Galiza publicará esta sexta a resolución do proceso selectivo, coa relación de aspirantes definitivamente seleccionadas e as súas puntacións para proceder á elección de prazas de difícil cobertura.

Inspección sanitaria e Saúde Pública

Na súa reunión semanal, o Goberno galego tamén aprobou unha oferta da Consellaría de Sanidade de 19 prazas de persoas funcionario sanitario da escala de saúde pública e Administración sanitaria. Con esta oferta, a Xunta destacou que esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola normativa orzamentaria e reforza áreas prioritarias como son a inspección sanitaria e a saúde pública.

As prazas que oferta Sanidade correspóndense ás clases de inspector médico (5), licenciado en farmacia (4), psicoloxía (2), química (3), bioloxía (2), e axudante técnico sanitario. O sistema será o de concurso oposición.

Oposicións na CRTVG

Ademais, o Goberno galego deu luz verde hoxe á oferta de emprego público da CRTVG, con 26 prazas. Delas, 15 pertencen á quenda xeral e outras 12 resérvanse para promoción interna. As 12 prazas de promoción interna, que serán obxecto de convocatoria separada, están destinadas a empregados públicos que xa teñen un posto fixo na Administración. Trátase de dúas prazas de produtor (nivel 1); dous de realizador/a (nivel 1); dous redactor/a (nivel 1); unha de técnico/a de administración (nivel 3); unha de técnico/a electrónico/a (nivel 4); dúas prazas de operador/a de postproducción (nivel 5); unha praza de técnico de iluminación (nivel 5) e outra de oficial administrativo/a (nivel 6).

En canto ás de acceso libre, a previsión é ofertar unha praza de produtor/a (nivel 1); unha praza de titulado/a medio/a (nivel 2); dúas prazas de reporteiro/a gráfico/a (nivel 4); dúas prazas de técnico/a de control (nivel 4); dúas prazas de axudante de realización (nivel 5); unha praza de técnico de son (nivel 5); unha praza de oficial administrativo (nivel 6); unha de operador/a montador/a de vídeo (nivel 7); unha de auxiliar administrativo (nivel 7); unha de iluminador/a (nivel 7) e outra de oficial técnico/a electricista (nivel 7).

Bolsas para profesionais de bibliotecas

Por último, o Consello tamén deu o visto e prace á orde pola que se autoriza un investimento de case 500.000 euros para a convocatoria de 33 bolsas formativas que facilitarán a formación e posibilidades de inserción laboral no ámbito da biblioteconomía. A Xunta destacou que se trata dunha medida que se enmarca no "compromiso do Goberno galego por facilitar a mellora continua e formación dos profesionais en todas as súas vertentes".

As bolsas están dirixidas a persoas que posúan unha titulación universitaria de grao en Biblioteconomía e Documentación, Información e Documentación, Historia, Historia da arte, Filoloxía, Lingua e Literatura, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural ou Humanidades.

A CIG critica a OPE "sen previa negociación"

A CIG criticou hoxe a convocatoria de 1.750 prazas para educación o próximo ano, asegurando que a oferta se ha aprobado "sen previa negociación" e alegando que a cifra "non dá resposta ás necesidades" do sector. O anuncio desta OPE, explicaron nun comunicado, "vén precedido dun informe" feito público pola CIG-Ensino a pasada segunda feira, "no que se evidenciaba o incumprimento dos obxectivos fixados pola administración educativa para reducir a temporalidade entre o profesorado".

Coas cifras "impostas pola Xunta, sen mediar negociación algunha", e á espera de coñecer tanto as cifras oficiais de xubilacións de 2022 e de 2023, o sindicato apunta que se producirá "incremento cero de postos de traballo" e afirma que "non se cubrirá a taxa de reposición". Trátase, critica a CIG, dunha "OPE descompensada" na relación entre o profesorado interino existente nos diferentes corpos e a oferta anunciada.

"Mentres no caso do corpo de mestres a oferta está próxima ao total de persoal interino —sen contar as mestras e mestres de Orientación—, nos corpos de PES, EOI e PESSFP a proposta limítase ao 50% das prazas actualmente ocupadas por persoal interino", sosteñen. Finalmente, critican, "non se aposta por reducir a temporalidade como fixou como obxectivo a propia Consellaría".

Comentarios