Iniciativa Defende Meirás: "É inadmisíbel a indiferenza da Xunta na protección de Meirás"

Detalle do acceso ás Torres de Meirás.
Defende Meirás insiste en que está en mans da Consellaría de Cultura impedir o "espolio" das Torres por parte da familia Franco.

A Iniciativa Defende Meirás reiterou que está "en mans" da Consellaría de Cultura "fechar definitivamente a porta ao intento de rapina dos Franco cos bens móbeis do pazo" coa ampliación da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

Neste sentido, taménlle pide ao conselleiro, Román Rodríguez, "que deixe de utilizar o asunto para facer oposición ao Goberno". "É inadmisíbel a indiferenza da Xunta na protección de Meirás", sinala nun comunicado.

Iniciativa Defende Meirás pídelle, ademais, que "actúe" e que "colla o catálogo de bens móbeis do pazo e o publique no Diario Oficial da Galiza (DOG)" co fin de garantir a protección de todos eses bens "contra a rapina dos Franco". "Así de simple e rápido", sentencia.

"De que parte está Román Rodríguez?", pregunta o portavoz do colectivo, Carlos Babío, para quen "quedar quieto é avalar a impunidade". Así, lémbralle a Román Rodríguez que está nas súas mans aumentar o nivel de protección dos bens que contén o Pazo de Meirás e denuncia o intento do conselleiro de Cultura de desviar a atención sobre as súas responsabilidades na defensa dun espazo e duns bens que recuperou a mobilización da sociedade galega.

O papel do Estado e da Xunta

A Iniciativa Defende Meirás considera que na cuestión da ampliación da protección deses bens a través da figura do BIC a posición do Estado é "impecábel". "O único que fai o Estado é dicirlle á Xunta que exerza as súas competencias. O mesmo que lle reclama a sociedade civil galega desde o movemento memorialista", insiste Babío.

"Non se entende que a mesma Administración que acaba de incoar o procedemento de declaración de BIC para a biblioteca de Pardo Bazán que está no Pazo, non actúe coa mesma dilixencia para protexer o resto de bens, e veña dicindo que ten que firmar un convenio do Estado para facelo, cando non precisou de convenio ningún para protexer o legado de Pardo Bazán", engade.

"En que quedamos? Hai bens que interesa protexer e bens que non interesa para lles facilitar os Franco o novo espolio? Ou do que se trata e de liar até o infinito o debate sobre Meirás para que non podamos avanzar na súa resignificación como espazo de memoria e a súa incorporación definitiva á memoria democrática do pobo galego?", cuestiona Babío.

Mobilización

A Iniciativa Defende Meirás informou, aemais, de que sumou xa máis de mil sinaturas nunha petición de apoio nas redes, así como adhesións das memorias da Galiza "para impedir que os Franco consumen un novo espolio en Meirás".

A maiores, mentén a convocatoria dunha mobilización cidadá no Pazo de Meirás o próximo  o 19 de xuño para mostrar a forza da reivindicación da sociedade sadense, coruñesa e galega.