sábado 19/06/21

Cabeiros de elefante, cadeiras con tapicería bordada por Pardo Bazán e ánforas do S.III: o que os Franco queren levar de Meirás

A iniciativa Defende Meirás pide medidas que eviten o “expolio”

cabeiros elefante meirás
cabeiros elefante meirás

Una ánfora do século III, cabeiros de elefante agasallo do Gobernador de Guinea nos anos corenta, Cinco cadeiras, de estilo neogótico con tapicerías bordadas por Emilia Pardo Bazán e outras mulleres da familia… Estes son só 3 exemplos dos bens que a familia Franco pretende retirar, ou xa retirou, do Pazo de Meirás, segundo informa Defende Meirás.

A Iniciativa Defende Meirás sinala que inicia unha serie de publicacións para que “a veciñanza de Sada e a cidadanía galega coñeza parte dos bens incluídos no catálogo do Pazo de Meirás que a familia Franco pretende amparándose en controvertidas decisións da Xustiza”.

A seguir reproducimos a descripción destes bens que realiza este colectivo:

Ánfora

O 8 de decembro de 1974 o Estado franquista celebrou un acto na residencia oficial (de inverno) da Xefatura do Estado: o Palacio de El Pardo. O motivo, unha homenaxe ao ditador e recoñecemento ao que sería o sucesor de Franco e que encarnaba un "símbolo de continuidad y de futuro" en palabras do ministro del Movimiento, Utrera Molina (pai do hoxe avogado dos Franco que defende sacar esta ánfora -entre outros bens- do Pazo de Meirás como propiedade particular dos netos do ditador).

O acto tiña como protagonista á mocidade que a través da Delegación Nacional de Juventud realizou unha demostración de lealdade a Franco e ao seu sucesor. No programa estaba a entrega dunha ánfora púnica "rescatada en el estrecho por submarinistas ceutíes encuadrados en la OJE". "Esta vasija cuya antigüedad data del siglo III antes de Jesucristo lleva la inscricipción 'vino nuevo en ánfora vieja".

Cadeiras neogóticas

Orixinalmente as cadeiras estaban situadas no despacho da planta baixa da Torre de Levante. A peza de maiores proporcións, con brazos e co retrato de Catalina de Alexandría, formaba parte do escritorio de Emilia Pardo Bazán.

As cinco cadeiras foron cambiadas de sala na etapa franquista, e son bens móbeis do Pazo de Meirás que a familia Franco reclama para ela.

Estas pezas atopábanse nas Torres de Meirás en 1938, cando o Pazo foi adquirido pola Junta Pro Pazo del Caudillo en escritura pública o 5 de agosto dese ano. Esta escritura é a única válida segundo as dúas últimas sentenzas a respecto da titularidade do Pazo de Meirás; e nela establecese que estas cadeiras estaban incluídas na compra do Pazo de Meirás, como o resto dos bens móbeis do Pazo.

Cabeiros de elefante traídos da Guinea

En abril de 1940 o Pazo de Meirás estaba en pleno proceso de transformación: ampliación da finca, modificacións na decoración nos xardíns e no interior das Torres, reestruturación de estancias e elementos móbeis. Algúns destes elementos foron conducidos a Meirás coa participación e xestión de diferentes departamentos e institucións públicas, que demostran o carácter público destes bens.

Foi o caso de dous cabeiros de elefante, un agasallo do Gobernador da Guinea española que chegaron por esas datas ao Pazo e que o público podía visitar até non hai moito no 'hall' principal do acceso ás Torres.

comentarios