sábado 19/06/21

Galiza Cultura insta a Xunta a activar "todos os recursos" para que os Franco "non se apropien" de bens de Meirás

Técnicos da Xunta  facendo o inventario de Meirás en novembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Técnicos da Xunta facendo o inventario de Meirás en novembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Federación Galiza Cultura reclamou á Xunta de Galicia que active "todos os recursos" para que os Franco "non se apropien" de bens do Pazo de Meirás. Tamén pide que "cumpra" as directrices da Unesco e os acordos do Parlamento galego a este respecto.

Nun comunicado, demanda ao Executivo galego que "active con rapidez todos e cada un dos resortes, mecanismos e recursos necesarios para conseguir que a familia Franco non se apropie das esculturas do Mestre Mateo nin tampouco de calquera outro tipo de pezas que se atopen nos terreos ou no interior das Torres de Meirás e das súas edificacións anexas".

Neste sentido, cualifican de "nada  proactiva" e de "morna" a actuación da Administración galega. "Trátase dun proceder, que tamén se verifica ao comprobar como se comporta ante os prazos legais que establece a xustiza para dar resposta á sentenza emitida polos tribunais", sinala sobre o fallo da Audiencia da Coruña que suspende o depósito dos bens a favor do Estado.

A Federación Galiza Cultura sostén, así mesmo, que "desde o punto de vista da protección patrimonial, e en concreto para que os bens móbeis non saian de Meirás, sería suficiente con que a Xunta incoase expediente para publicar como anexo o inventario á declaración BIC coa categoría de sitio histórico da que xa goza o Pazo de Meirás".

"Con todo, a Xunta, de maneira intencionadamente errónea, interpreta que debe ser o Estado quen debe facelo", lembra. Por outra banda, incide en que a publicación dese inventario "sería suficiente" para evitar "a saída" dos bens incluídos no mesmo.

Asemade, sinala a Fundación, a "pouca implicación na recuperación, amparo e defensa do patrimonio galego, por parte dos organismos sobre os que, por lei, recae tal misión", é algo claro no que respecta ao Executivo galego.

"En xeral, esta é a causa de que a nivel internacional as estudosas e estudosos e as institucións con competencias sobre patrimonio, pensasen (e propiciasen) que novos axentes sociais tiñan que intervir para que esta situación remate".

comentarios