sábado 19/06/21

Defende Meirás pide a colaboración cidadá pare evitar que os Franco leven os mobles de Meirás

Publica na súa páxina web un modelo de escrito e chama a todas as entidades de memoria e particulares a presentalo por rexistro electrónico ou mediante un email ante a Consellería de Cultura.

Acto reivindicativo realizado en Meirás, no día da entrega do pazo á Administración xeral do Estado. (Europa Press)
Acto reivindicativo realizado en Meirás, no día da entrega do pazo á Administración xeral do Estado. (Foto: Europa Press)

A Iniciativa Defende Meirás pediu á cidadanía que realice un envío masivo de escritos á Consellería de Cultura, Educación e  Universidade para solicitarlle que incoee o expediente para ampliar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) das torres aos mobles.

Precisamente, esta pasada sexta feira a entidade remitiu un escrito ao devandito departamento para solicitar a ampliación da declaración a "todos os bens mobles asociados á categoría de sitio histórico" do interior e o exterior do pazo e a publicación inmediata do catálogo dos mesmos para "preservar e salvagardar a integridade do BIC Torres de Meirás".

Neste sentido, a Iniciativa Defende Meirás difundiu un escrito mediante as súas redes sociais para pedir que se actúe do modo preciso "para impedir que os herdeiros do ditador poidan retirar eses bens" e afirmou que "a mera incoación dese expediente outorgaría a todos os bens a protección á que fai referencia a Lei de patrimonio cultural da Galiza".

Deste modo, publicou na súa páxina web un modelo do escrito e chamou a todas as entidades de memoria e particulares a presentalo por rexistro electrónico ou mediante un email ante a Consellería de Cultura.

Esta semana, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu o prazo dun mes concedido á familia Franco para retirar bens do Pazo de Meirás nunha resolución na que deixou paralizada a decisión adoptada o pasado 28 de abril nese sentido.

Pola súa banda, a Xunta requiriu á familia Franco a presentación de documentación adicional para tramitar a súa solicitude de traslado referida ás estatuas do Mestre Mateo, situadas actualmente nas Torres de Meirás, dada a súa consideración como Ben de Interese Cultural (BIC). Previamente, pedira ao Estado que habilitase á Xunta para ampliar o BIC do Pazo de Meirás.

comentarios