A Xunta resolve que acumular as prazas das oposicións de Educación de 2020 e 2021 está fóra da lei

Exames de oposicións (arquivo/EP).
O prazo para inscribirse nas oposicións docentes ábrese o 1 de xuño.

A Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional trasladou esta sexta feira que a súa asesoría xurídica resolveu que non está dentro da legalidade acumular as prazas da Oferta de Emprego Público (OPE) 2020 coas da oferta para o 2021, como demandaban todos os sindicatos. 

Así, Educación abrirá esta segunda feira, día 1 de xuño, a inscrición para o proceso de oposicións docentes, como xa tiña previsto a pesar das críticas formuladas polos sindicatos na reunión da Mesa Sectoral da pasada semana. Desde a Xunta inciden en que o seu obxectivo é "blindar" o proceso que tivo que ser aprazado por mor da crise do coronavirus

"O motivo é que á eventual oferta do ano 2021 non se lle aplicaría o réxime especial e transitorio previsto na disposición transitoria terceira do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, que si resulta de aplicación á oferta de emprego do ano 2020. É dicir, a oferta de emprego do ano 2020 e a oferta de emprego do ano 2021 réxense por normativa diferente", alegan desde a Xunta.

A argumentación xurídica, abundan desde a Consellaría, baséase en que a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018 (cuxas prórrogas fan que sexa a que siga vixente a día de hoxe) ampara unicamente as ofertas de estabilización de emprego temporal aprobadas e publicadas até 2020; mentres que as ofertas de emprego público de 2021 deberán ampararse nunha nova Lei de orzamentos xerais do Estado.

A asesoría xurídica sinala que coa normativa en vigor "non é posíbel acumular a oferta pública de emprego para o aceso aos corpos docentes regulados na lei orgánica 2/2006", xa que se precisa "dunha lei de orzamentos do Estado para aprobar as ofertas de emprego público de estabilización de emprego temporal do 2021 en adiante".