SOCIAL

Educación abre 1 de xuño o prazo para anotarse ás oposicións con críticas por obedecer a "motivos electorais"

Reunión virutal da mesa sectorial de Educación esta terza feira (CIG).
A Xunta defende que manter o prazo de inscrición é a "opción máis segura" para asegurar a oferta de máis de 3.600 prazas da OPE deste ano. Porén, a CIG-Ensino relaciona esta decisión coas eleccións galegas do 12 de xullo.

A Xunta defendeu esta terza feira que a "opción máis segura" para "garantir a totalidade das prazas" da Oferta Pública de Emprego (OPE) de Educación de 2020 é "manter a convocatoria actual" e "abrir a inscrición o 1 de xuño" para as máis de 3.600 prazas que estaban convocadas este ano.

Así o defendeu o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, José Manuel Pinal, na mesa sectorial do ensino non universitario diante dos sindicatos.

"A Consellaría abrirá o 1 de xuño o prazo de inscrición movida exclusivamente por motivos electorais", critican desde a CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector, após a reunión. 

No referido á posibilidade de acumular as prazas das OPEs de 2020 e 2021, a Consellaría explica que o Ministerio de Educación remitiu unha explicación da modificación do Real Decreto 276/2007, de Ingreso Docente, e salienta que tanto a propia Xunta como as forzas sindicais "coinciden en que non achega ningunha garantía xurídica".

A Xunta traslada que na explicación do Ministerio apúntase que a proposta de modificación do proxecto de real decreto en tramitación realizada pola Consellaría "non sería suficiente para acumular as prazas das ofertas de 2020 e 2021, pois precisa cobertura de rango legal na lei de presupostos para o vindeiro exercicio, algo que non está nas facultades deste Ministerio poder aseguralo senón no Goberno e as Cortes Xerais".

Sobre este punto, a CIG-Ensino lamenta a actitude da Consellaría, que "reafirmouse na súa decisión a seguir adiante co prazo de inscricións, mesmo poñendo en cuestión a valía do documento ministerial".

"A decisión da Consellaría só se pode entender como un dilema trampa, xa que só parte de dous escenarios: anular a convocatoria ou seguir para adiante co prazo de inscrición. A contradición da Consellaría é total a este respecto: afirma que non hai unha seguridade xurídica absoluta aínda que abran a inscrición mais deciden facelo. É obvio que a data electoral do 12 de xullo o condiciona todo", aseveran desde a central sindical. 

Consulta xurídica

Após o debate cos sindicatos, a Consellaría de Educación aceptou levar o asunto ao seu departamento de servizos xurídicos para buscar "algunha alternativa con garantía total para acumular as prazas".

Porén, na CIG-Ensino salientan que "fará a consulta mais sen ningún tipo de garantías e fixando a data do 1 de xuño como inicio do prazo de inscrición" independentemente da resolución das xuristas.

A CIG-Ensino insiste en que "había alternativas" que se negaron a debater e lembra que "as ofertas de emprego non supoñen incremento orzamentario nin de postos de traballo, xa que non se crea ningún emprego novo". 

Ademais, inciden en que o ano que vén "vai ser necesario acometer unha oferta xenerosa polo elevado número de xubilacións que se agarda e pola necesidade de reforzar os cadros de persoal dos centros para facer fronte a un ano excepcional, tanto se se mantén a situación de pandemia como se non".

Así, a central sindical conclúe que "tanto o Ministerio como a Consellaría están a xogar cos intereses de decenas de miles de persoas e que a OPE de 2021 non se vai poder levar adiante antes de 2022".