A apertura da inscrición para as oposicións docentes deixa fóra as tituladas deste ano

O concurso de oposicións docentes deste 2020 terá lugar en 2021 pola crise sanitaria. (Europa Press)
A Xunta abrirá o 1 de xuño o prazo para matricularse ás oposicións do ensino correspondentes a este ano, mais que terán lugar o que vén, como consecuencia das restricións da crise sanitaria. A decisión desbota sumar ás prazas convocadas as correspondentes ao ano que vén, como pedían colectivos e sindicatos.

A Consellaría de Educación anunciou onte, após a reunión da mesa sectorial de ensino, que abrirá o 1 de xuño a matrícula na Oferta Pública de Emprego (OPE) docente deste 2020, cuxo prazo de inscrición quedara suspendido en marzo, o mesmo día no que se prevía a súa apertura, pola declaración do estado de alarma, para un concurso de oposicións que tamén foi adiado até 2021 pola crise sanitaria

A decisión, que a Xunta xustifica como a "opción máis segura" para garantir a totalidade das prazas da actual convocatoria da OPE –máis de 3.650, unha cifra superior á que correspondería por resposición, en virtude dos acordos de estabilización do emprego público entre o Goberno central e as forzas sindicais–, supón que as persoas aspirantes a esas prazas teñan que matricularse nas próximas semanas para unhas oposicións que non se desenvolverán até dentro dun ano.

Isto deixa fóra, salvo solucións de última hora, o colectivo que titula este ano, ao que correspondería opositar en 2021 se a matrícula das probas seguise os seus prazos ordinarios, pero que terá que agardar a 2022 por ese concurso, e tamén impide a persoal interino que si pode concorrer ao proceso selectivo presentar aqueles méritos que consiga durante o vindeiro curso. 

Peticións de acumulación

Para salvar estes impedimentos, derivados do aprazamento  das oposicións ao que obrigou a crise do coronavirus, organizacións sindicais e colectivos opositores solicitaban a acumulación da OPE deste 2020 e a de 2021, o que permitiría garantir as actuais prazas convocadas sen renunciar ás previstas para o ano que vén, cifradas polos sindicatos en arredor doutras mil. A posibilidade está hoxe practicamente desbotada pola falta de "garantías xurídicas" que achaca a Xunta á fórmula que se ofrece desde o Ministerio de Educación para realizar esa acumulación, na que tampouco acreditan as forzas sindicais galegas. 

Onte, a plataforma #OposXustasParaTodxs, que representa máis dun millar de futuras opositoras e que reclama unha convocatoria de oposicións conxunta "na que se repoñan as prazas correspondentes ás xubilacións de 2021 e na que se poidan presentar todas as persoas que nesa data cumpran os requisitos", amosaba a súa preocupación pola solución adoptada pola Xunta.

"O Ministerio de Educación xa lle fixo constar ao Goberno galego que unha convocatoria conxunta ten cabida no actual marco lexislativo, polo que sería a Consellaría a única responsábel de utilizar esta OPE para aforrar a de 2021", indica o colectivo, que considera que a Xunta "instrumentaliza o necesario adiamento da convocatoria deste ano, logrado pola presión social".

Aos seus ollos, a vía definida pola Consellaría é "discriminatoria e inxusta para máis de mil estudantes que estamos nesta situación" e "devastadora" para o ensino. "Estase  imposibilitando que se presente moita xente con preparación e ilusión e que, ademais, cumpriría os requisitos de inscrición para 2021", alegan as futuras opositoras. 

Segundo observa a plataforma, seguir coa convocatoria de oposicións correspondentes a 2020 en xuño de 2021 imposibilita ademais que nese ano "se poidan convocar as prazas necesarias para garantir a continuidade do ensino público cun número de docentes axeitado, posto que están previstas máis de mil xubilacións para o vindeiro curso e os seguintes terán lugar nun contexto excepcional pola pandemia que estamos a sufrir". "As prazas docentes deben ser repostas no tempo correspondente para que así non sexan as novas xeracións as que paguen as consecuencias desta pandemia, ademais de poder ofrecer un ensino de calidade á nosa comunidade", sostén.  

Nesa liña, desde CIG-Ensino, o seu secretario nacional, Suso Bermello, lembra que o ano que vén "vai ser necesario acometer unha oferta xenerosa, polo elevado número de xubilacións que se agarda e pola necesidade de reforzar os cadros de persoal dos centros para facer fronte a un ano excepcional, tanto se se mantén a situación de pandemia como se non. "A propia Consellaría afirmou que vai ter que abrir numerosas listas de interinidade", apunta.

Ampliación dos prazos de inscrición

A falta dun informe que dea seguridade xurídica a unha xa improbábel acumulación das OPE de 2020 e 2021, forzas sindicais como UXT e CCOO vían, como última solución, unha ampliación do prazo de matrícula para o concurso a realizar o ano que vén, para dar máis opcións ao estudantado a punto de rematar o curso. O problema está, segundo apunta desde UXT Paula Carreiro, en que a Xunta supeditaba esa ampliación á anulación da actual OPE docente, para unha convocatoria posterior, unha solución "inaceptábel", xa que "pon en risco" un alto número de prazas.

"Non hai que esquecer o contexto político, coas eleccións galegas á volta da esquina e unha lei de Orzamentos Xerais do Estado que, de aprobarse, tamén pode afectar a estes procesos", observa desde CCOO o seu portavoz na mesa sectorial, Jose Manuel Fuentes. Desde a CIG denuncian que a próxima convocatoria electoral "condiciona" a decisión adoptada onte pola Xunta, á que acusa, xunto co Ministerio, de "xogar con miles de persoas opositoras".