As opositoras reclama á Xunta que anuncie a convocatoria conxunta das prazas de profesorado

Oposicións no recinto feiral de Silleda (Foto: Xunta).

A plataforma #Opos2021XustasParaTodxs reclama á Consellería de Educación que anuncie a convocatoria conxunta das prazas de profesorado correspondentes ao ano 2020 e 2021 para o ano que vén, e que "desista" de abrir os prazos de inscrición paralizados do proceso aberto este ano.

A plataforma #Opos2021XustasParaTodxs reclama á Consellería de Educación que anuncie a convocatoria conxunta das prazas de profesorado correspondentes ao ano 2020 e 2021 para o ano que vén, e que "desista" de abrir os prazos de inscrición paralizados do proceso aberto este ano.

A reactivación dos prazos administrativos o vindeiro 1 de xuño anunciada do BOE do pasado sábado obriga á Xunta a facer pública a súa decisión. O Ministerio de Educación xa lle fixo constar ao Goberno galego que unha convocatoria conxunta ten cabida no actual marco lexislativo, así que a plataforma agarda que mañá, na Mesa Sectorial en Educación, a conselleira anuncie "a acumulación das OPE de 2020 e 2021 e a garantía de igualdade de oportunidades para todas as persoas opositoras".

“A reactivación do proceso paralizado pola pandemia provocaría a perda das prazas do ano 2021 e as mil xubilacións que se producirán o ano que vén no sistema educativo público galego fan necesario e esencial que esa OPE saia a concurso”, lembran desde o colectivo. Por outra banda, iniciar o prazo de inscrición máis dun ano antes da celebración das oposicións de 2020 deixará fóra a máis dun milleiro de persoas que estarían en disposición de participar nun proceso de libre concorrencia competitiva no 2021 e que, en beneficio do ensino público galego, debe perseguir a participación do maior número de aspirantes posibles.

A plataforma #Opos2021XustasParaTodxs tamén esixe que a acumulación de prazas non implique, en ningún caso, "unha modificación das distribucións de prazas por especialidade, nin dos temarios, nin das condicións da actual Orde de febreiro". "É cuestión de vontade política manter estas condicións, pois é posible ao atoparse no mesmo marco lexislativo", engade.

"O Ministerio de Educación xa se pronunciou garantindo a convocatoria das oposicións de 2020 no 2021: non existe ningún risco dende o Goberno Central, polo tanto, é a Consellería de Educación a única responsable de todo posible risco, instrumentalizando o necesario adiamento logrado pola presión social. Debemos evitar que sexa utilizado para aforrarse a OPE de 2021”.

Desde o colectivo, que representa a estudantes dos mestrados de Secundaria, do curso de Profesorado Técnico de FP e dos graos de Maxisterio Infantil e Primaria de toda Galicia, "solicitamos a todos os axentes sociais, sindicais e políticos que rexeiten o relato e as ameazas da Consellería e que todas, xuntas e unidas, esixan unha convocatoria conxunta coas prazas de 2020 e 2021 que é necesaria para o ensino público galego e que pode, e debe, dar garantías a todas as persoas opositoras que cumpran os requisitos para participar nunhas oposicións en xuño de 2021".