A incorporación da Ribeira Sacra ao Patrimonio Mundial da Unesco, en risco polos parques eólicos

Obras de instalación de aeroxeradores en Paradela.

A autorización por parte da Xunta de Galiza dos parques eólicos Paradela e Serra das Penas pon en risco a inclusión da Ribeira Sacra na listaxe do Patrimonio Mundial da Unesco. Denúnciao a plataforma Stop Eólicos.

Os parques eólicos Paradela e Serra das prexudican a candidatura da Ribeira Sacra a formar parte do clube do Patrimonio Mundial da Unesco. O mesmo acontece co parque eólico do Oribio, que prexudican a inclusión do Courel e da serra homónima á sétima Reserva da Biosfera de Galiza no marco do programa Man and Biosphere, un programa que busca estabelecer bases científicas para cimentar a mellora a longo prazo da mellora das relacións entre as persoas e o medio ambiente. Así o advirte a plataforma Stop Eólicos, que vén de enviar un informe á Unesco para expoñer en detalle a problemática xerada após as autorizacións eólicas por parte da Xunta.

“Resulta dun cinismo político incomparábel que Alberto Núñez Feixoo, á fronte do Goberno galego defenda unha e outra vez a base de propaganda que a Ribeira Sacra é a única candidatura a nivel do Estado que optará en 2021 á declaración de Patrimonio da Humanidade mentres ao mesmo tempo permite a Enel Green Power España, filial de Endesa, a instalación de 27 aeroxeradores de gran porte e innumerábeis tendidos eléctricos de media e alta tensión”, sinala a plataforma nunha nota de imprensa.

Na mesma liña, o colectivo denuncia que os parques eólicos atravesarán o territorio e modificarán “sen remedio unha das paisaxes rurais máis singulares de toda Galiza, o que afecta non só á Ribeira Sacra como comarca, senón tamén ao que supón o Camiño de Santiago e a súa zona de amortecemento”.

O Valor Universal Excepcional

A Unesco ten en conta o concepto de Valor Universal Excepcional (VUE) para determinar que un ben sexa considerado digno do recoñecemento que supón a inscrición na Lista de Patrimonio Mundial debido á súa importancia internacional. Ademais da avaliación dos valores culturais, fanse comprobacións en relación coa integridade e a autenticidade, a protección e a xestión dos territorios.

A respecto do parque do Oribio, a plataforma acusa a Xunta de “facer gala dun preocupante descoñecemento” ao autorizar a instalación dos aeroxeradores da empresa Fergo Vento “en plena Rede Natura, dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Ancares-Courel (ES1120001)”. Ponse en risco, di, especies en perigo de extinción como o oso pardo cantábrico (Ursusarctosarctos) ou a aguia real (Aquila chrysaetos), ademais doutras en situación de vulnerabilidade, “afectando gravísimamente a fermosa e insubstituíbel paisaxe da bisbarra”.

Stop Eólicos reclama “un novo modelo eólico” e “uns responsábeis políticos para os que a protección do medio ambiente, as paisaxes e o rural galego e as súas xentes sexan a prioridade, non o favorecemento dun maior beneficio para os que máis teñen, como as grandes empresas do oligopolio eléctrico e as súas filiais”.