Denunciadas en Fiscalía as obras do parque eólico na Serra do Oribio

As obras foron paralizadas preventivamente pola Xunta após as protestas veciñais e de colectivos ambientalistas.  A Serra  do  Oribio está catalogada como Zona Especial de Conservación ( ZEC Ancares-Courel), dentro da Rede Natura 2000 da Galiza.

Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) co apoio da Fundación Oso Pardo (FOP), a Asociación para a Defensa Ecoloxica de Galiza (ADEGA) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) presentaron una denuncia perante a Fiscalía da Galiza contra as obras de movemento de terras e acondicionamento de pistas iniciadas pola empresa  Fergo Galicia  Vento, S.L. na Serra  do  Oribio. Actuacións que foron paralizadas preventivamente pola Xunta o 17 de xuño por non contar con toda a documentación regulamentaria. 

Estes colectivos afirman que a construción  do parque eólico pretende facerse en base a unha Declaración de Impacto Ambiental aprobada no ano 2005, e desde entón non só cambiaron as circunstancias tecnolóxicas, enerxéticas e ambientais, senón que se aprobou o Plan Director da Rede Natura 2000 na Galiza que, entre outras medidas, prohibe a instalación de novos parques eólicos nos espazos da rede. 

Os traballos da maquinaria pesada desfixeron xa un treito importante do Camiño Real de Vilafranca do Bierzo a Monforte, ben patrimonial inventariado, e acometeron salvaxes desbroces que afectan mesmo a exemplares de Quercus Lusitanica (carballo anano), ao tempo que ameazan gravemente outros elementos de gran valor patrimonial e etnográfico: a Medorra do Fial, situada a menos de 400 metros de onde estaban as máquinas, as Ventas da Braña e do Retorno ou o Portádego do Oribio, antigo lugar de dereito de paso, así como algún exemplar de antigo neveiro.

A Serra  do  Oribio está catalogada como Zona Especial de Conservación ( ZEC Ancares-Courel), dentro da Rede Natura 2000 de Galiza, e como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ( ZEPVN. A zona é unha área importante para diversas especies ameazadas, destacando a presenza da  tartaraña cincenta ( Circus  pygargus) e  a gatafornela ( Circus  cyaneus), especies incluídas no Catálogo  Galego de Especies  Ameazadas.

O Oribio é, ademáis, zona de presenza recente de oso  pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie polas serras orientais lucenses que leva producíndose desde hai uns anos.