Feridas e cicatrices das "obras ilegais" no alto da Serra do Oribio, no Courel

Diversos colectivos constatan sobre o terreo a “desfeita”causada por esas obras nunha paraxe única da Galiza.

As protestas veciñais e ambientalistas obrigaron a Xunta a decretar a paralización das obras dun parque eólico na Serra do Oribio, no Courel, unha paraxe única. Unhas obras que, denunciaban colectivos como Adega ou Sociedade Galega de Orintoloxía (SGO), eran ilegais pois carecían de autorización. Integrantes de Adega, da SGO, Asociación Galega de Custodia do Territorio, EQUO e Asociación Cultural O Iribio, desenvolveron unha acción reivindicativa simbólica no alto da Serra do Oribio, entre os concellos de Triacastela e Samos, en defensa dos valores da Rede Natura.

As activistas, informa Adega, puideron "constatar o alcance da desfeita xa consumada polos traballos executados, ao menos, durante os últimos 20 días nun espazo, recordémolo, catalogado como Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais (ZECVN), parte da Rede Natura 2000 e do ZEC Ancares – Courel  e que, así mesmo, fai parte do proxecto de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra – Serra do Oribio e é área potencial no Plan de Recuperación do Oso Pardo (proxecto Life Oso-Pardo, cofinanciado con fondos europeos)”.

Os traballos da maquinaria pesada desfixeron xa un treito importante do Camiño Real de Vilafranca do Bierzo a Monforte, ben patrimonial inventariado, e acometeron salvaxes desbroces que afectan mesmo a exemplares de Quercus Lusitanica (carballo anano), ao tempo que ameazan gravemente outros elementos de gran valor patrimonial e etnográfico: a Medorra do Fial, situada a menos de 400 metros de onde estaban as máquinas, as Ventas da Braña e do Retorno ou o Portádego do Oribio, antigo lugar de dereito de paso, así como algún exemplar de antigo neveiro.

Veciñas veciños da zona convocan para este sábado 22 de xuño dúas concentracións diante das Casas Consistoriais de Samos e Triacastela coa finalidade de exixir destes dous concellos, en cuxos terreos se quere construír o proxectado parque eólico da empresa Fergo Galicia Vento, que non se conceda autorización ou licenza municipal para ningunha obra ou traballo en espazo da Rede Natura. A primeira das mobilizacións será ás 12 da mañá diante da Casa do Concello de Samos; media hora máis tarde (12.30) diante do Concello de Triacastela.