As entidades levan meses reclamando a paralización do proxecto

Adega e SGO recorrerán a aprobación do parque eólico da Serra do Oribio

Unha das protestas contra a construción do parque no Oribio [Imaxe: Adega]

Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía veñen de anunciar que presentarán un recurso contra a resolución da aprobación definitiva do parque eólico Serra do Oribio. Fano un día despois de que saíse publicada no DOG a resolución do 4 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o acordo do último Consello da Xunta do mes de xuño polo que se aprobaba o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque.

 

Adega e Sociedade Galega de Ornitoloxía veñen de anunciar que presentarán recurso de alzada contra a resolución da Xunta que aproba o proxecto definitivo do Parque Eólico Serra do Oribio. No día de onte, o DOG publicaba a resolución do 4 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se facía público o acordo do Consello da Xunta, do 27 de xuño, que aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio, así como as disposicións normativas no proxecto. As organizacións ambientalistas queren esgotar todas as vías para frear un proxecto "que atenta contra un dos espazos naturais protexidos máis relevantes do país".

Farano por múltiples razóns; a primeira, porque "os novos parques eólicos están prohibidos en Rede Natura", como é o caso. Lembran que o parque se pretende instalar na Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Valor Natural (ZEVN) Ancares-Courel, polo que, sosteñen, "a súa execución vulneraría toda a normativa" ao respecto: Lei galega de aproveitamento eólico de 2009 e Plan Director da Rede Natura aprobado en 2014. Ademais, consideran "fraudulenta e obsoleta" a declaración de impacto ambiental (DIA), xa que "foi concibida hai 14 anos, saltándose varios procedementos legais e sendo aprobada polo último goberno en funcións de Fraga, un día despois do elección do novo Executivo". 

Os argumentos non fican aí. Para Adega e SGO, coa construción do parque "póñense en risco especies en perigo de extinción, como o oso pardo ou a aguia real, e outras en acusado declive", especies, ademais, que nin aparecen mencionadas na devandita DIA. Ademais, apuntan que "non se avaliaron os impactos acumulativos e sinérxicos do proxecto eólico no seu conxunto" e que "o cambio de trazado dos accesos ao parque carece de autorización e foi ocultado do trámite de modificación do proxecto sectorial".

Outras das razóns que fan posicionar ambas entidades en contra do proxecto son o "inasumíbel impacto paisaxístico e sobre o BIC do Camiño Francés" e a "destrución dun camiño real e do patrimonio arqueolóxico na zona" de implantación. Ademais, explican que a declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio e do Courel "é incompatíbel co novo parque eólico "por ir en contra do principio fundamental no que se sostén tal recoñecemento outorgado pola Unesco, isto é, co principio de harmonía da conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social, a través da relación das persoas coa natureza”.

As organizacións tamén critican que a empresa comezara as obras "sen a autorización da Xunta e sen a licenza municipal" e que a tramitación da modificación do proxecto estivese caracterizada pola súa "opacidade e polos atrancos no acceso á información pública". Nesa liña, subliñan que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellaría de Industria, órgano substantivo na tramitación do expediente de modificación do proxecto eólico, remitise copia do expediente a Adega "tan só 5 días antes da súa publicación no DOG e case 8 meses despois de ter sido solicitada".