O deputado Antón Sánchez esixe a paralización de eólicos en Paradela

Aeroxerador no parque eólico de Paradela. Foto: EnelGreenPower/Endesa
“Coalición de intereses entre unha multinacional e a Xunta de Galiza”. Esta é a consideración que o deputado Antón Sánchez fai dos contestados parques eólicos de Paradela. Vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego en que reclama a paralización dos parques de Serra de Penas e Paradela.

Sánchez, do grupo parlamentario de En Marea, denunciou a “hipocrisía” do Goberno galego. Referíase ao apoio oficial á candidatura da Ribeira Sacra “mentres autoriza proxectos que danan claramente a súa candidatura”. Os dous mencionados parques teñen, ao seu ver, “unha grande afección sobre o Camiño de Santiago polo seu impacto paisaxístico e sobre a vida das persoas pola proximidade a vivendas de aeroxeradores de máis de 140 metros”.

A preocupación do parlamentario coincide coa da veciñanza, que acaba de se organizar na plataforma Stop Eólicos. Sánchez lembra ademais que a zona en que Endesa está a instalar o parque é rica a nivel ambiental porque “nela habitan dúas especies en situación de vulnerabilidade, a tartaraña cincenta e a gatafornela”.

Para rematar, critica que a declaración de utilidade pública “como é norma é unha burla”. “Unha empresa multinacional italiana farase de ouro a conta do noso territorio e do noso vento deixando para a zona os impactos e migallas económicas. Por que se concede a declaración de utilidade pública ao que é simplemente un negocio privado?”, pregúntase.

O grupo parlamentario de En Marea entende que cómpre mudar o modelo de desenvolvemento eólico “cara a uns criterios máis sostíbeis, respectuosos co territorio e máis democrático, en que a xente do rural sexa o obxectivo prioritario e non as multinacionais”.