Noveno #VenresNegro

A incansábel loita do persoal da CRTVG contra a manipulación

Persoal da CRTVG na protesta do noveno #VenresNegro, este 20 de xullo. Foto: @DefendeAGalega.

As profesionais da CRTVG non se renden. Por novena semana consecutiva, vestiron de negro e concentráronse nas sedes da compañía pública de comunicación en protesta contra a manipulación informativa e as retalladas.

O #VenresNegro9 supuxo, ademais, a ampliación da táboa reivindicativa das traballadoras e traballadores do ente público. “Hoxe engadimos ás nosas reivindicacións a importancia da información local, eixe da nosa programación”, sinala a conta de twitter @DefendeAGalega, “e que contribúe á pluralidade de voces. Non podemos abandonar esta responsabilidade”.

A dirección da Radio Galega anunciou ao comité intercentros o pasado mes de maio que suprimiría as desconexións locais dos informativas. Foi na mesma xuntanza en que comunicou á representación do persoal a eliminación do Diario Cultural no formato en que se emitiu ao longo de 28 anos.

 

“Esiximos a reapertura das delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña e o reforzamento das delegacións en funcionamentos”, sinala a mesma conta -que se define como “conta dos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos en defensa da TVG e da Radio Galega”-, “os informativos locais teñen que seguir sendo unha parte importante das grellas”.

 

O twitter volveu encherse de profesionais dos medios públicos galegos vestidos de negro contra a manipulación informativa e as retalladas.