Así se manipula na CRTVG

Protesto das traballadoras e traballadores da CRTVG

“Técnica da compensación” para amolecer o impacto das noticias sobre corrupción. Inflacción de voces dun mesmo signo político. Modificación unilateral das informacións. Marxinación nas escaletas de asuntos contrarios a determinado partido. Inestabilidade laboral das e dos xornalistas que cobren “temas delicados”. Eis as formas de adulterar a materia informativa nos medios públicos de comunicación. Deixamos aquí un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza número 303.

O 26 de xullo de 2017, o presidente do Goberno de España, Mariano Raxoi, declaraba ante o xuíz como testemuña no caso Gürtel. Debía explicar o financiamento irregular do Partido Popular. Por primeira vez, un xefe do Executivo en desenvolvemento das súas funcións pisaba o xulgado. Porén, a importancia da noticia, histórica, recollida por prensa e medios de comunicación de toda Europa, non foi advertida na Radio Galega. Ese día, a emisora pública abriu o seu informativo tamén cunhas declaracións, e tamén dun presidente do Goberno de España: era Felipe González, que disertaba sobre o secuestro de Segundo Marey, reivindicado polos GAL e que acabou con condenas de altos cargos do PSOE. A gravación databa de 1998.

 

Eis unha das modalidades de manipulación informativa máis habituais na CRTVG, segundo denuncian fontes do cadro de persoal. É a denominada “técnica da compensación”, pola que todo caso de corrupción vencellado ao PP debe ir acompañado na grella informativa por algún outro que afecte a outras organizacións políticas. Por suposto, a regra non funciona á inversa.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 303 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]