O 8-S, manifestación en defensa dos medios públicos

As traballadoras da CRTVG e da RTVE en Galiza marcharán contra a manipulación

Protesto das traballadoras e traballadores da CRTVG.

Esta sexta feira, 29 de xuño, será de novo #venresnegro. As traballadoras e traballadores dos medios públicos de comunicación vestirán roupa escura en protesta pola manipulación informativa. E desta volta, unirán forzas.
 

Logo dunha xuntanza entre o comité intercentros da CRTVG e o comité de empresa da Radio Televisión Española en Galiza na mañá desta cuarta feira, as representacións dos asalariados decidiron iniciar mobilizacións conxuntas. A primeira, esta sexta feira, en que apoiarán mutuamente as concentracións do #venresnegro.

 

Será, segundo indican fontes sindicais, a primeira acción coordinada dos medios públicos en Galiza. Mais non a única.

 

Para o 8 de setembro preparan unha “gran manifestación” que percorrerá o camiño entre a sede central da CRTVG en San Marcos, pasará pola da RTVE -no mesmo lugar- e rematará na Praza de Praterías. A palabra de orde que encabezará a marcha dirá: “Pola dignidade dos medios públicos”. A lectura dun manifesto conxunto porá o ramo.

 

Na televisión estatal agardan que a mudanza no Goberno central implique o cumprimento das promesas socialistas de democratizar o entre. Mentres, a tensión interna na CRTVG medra. O último episodio foi a renuncia de Alfonso Hermida e Tati Moyano a presentar o Telexornal 2 en protesta pola manipulación. O malestar dos traballadores aumenta.