A grella da CRTVG, en mans de produtoras

[Imaxe: TVG]

O servizo público reducido á mínima expresión. Nos últimos anos, a dirección da CRTVG foi rebaixando os contidos realizados polo persoal propio até externalizar cara a empresas privadas gran parte da actual programación e dos recursos técnicos. Un elo máis na cadea de control, malia as numerosas denuncias contra estas prácticas privatizadoras e de cesión ilegal. Continuamos afondando no desmantelamento do ente público. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 304 de Sermos Galiza.

“A produción propia, con medios 100% da corporación, está en mínimos históricos. Desde que no ano 1984 se puxo en pé esta empresa pública, nunca houbo unha porcentaxe tan baixa. É un dado que se manipula, falando doutros tipos de produción, sumándolle a que se encarga a produtoras privadas”, conta Raquel Lema, portavoz da CUT, sindicato maioritario no Comité Intercentros.

 

“Teñen ese concepto de televisión bonsai, con medios humanos e técnicos cada vez máis pequenos para repartir a torta dun orzamento, que no caso da CRTVG supera os 100 millóns de euros, a produtoras amigas do PP”.

 

“En términos formais, sempre din que os gastos de persoal son moi elevados”, apunta Santiago Alvite, delegado da CIG, “pero non hai unha xustificación, as producións externas non abaratan gasto”. Alvite considera que a dirección en realidade quere “dispoñer dunha estrutura máis flexíbel, discrecional en moitos casos. Teñen un modelo que aplican pouco a pouco: unha televisión onde estritamente se realicen os informativos, que é o que poden controlar, e onde todo o demais se faga de forma externa”. En paralelo, o cadro de persoal das canles públicas minguou un 20% nestes anos.

 

Así, na grella da TVG apenas quedan contidos realizados na propia casa alén dos informativos. Programas como Luar, Zizgaz, Vivir aquí, Vivir o mar ou Labranza son dos poucos que sobreviven, cando menos até outubro, momento en que se confirmará a programación (aínda por coñecer) para o próximo curso. Tomando os contidos da pasada semana, contamos até 14 produtoras externas como responsábeis de programas ou series emitidas na canle pública.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 304 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]