Aparece un golfiño varado nunha praia de Sanxenxo

O golfiño atopado esta quinta feira en Sanxenxo (Foto: Iago Lorenzo).
O animal mostraba varias feridas ao longo do seu corpo cuxa orixe se descoñece. A persoa que atopou o golfiño púxose en contacto coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para alertar da situación.

Esta quinta feira viviuse na Galiza un novo episodio dun animal mariño varado nunha praia. Neste caso foi no concello de Sanxenxo, entre as praias de Pragueira e Maior onde apareceu un golfiño.

O animal mostraba abundantes feridas ao longo do seu corpo cuxa orixe se descoñece. A persoa que atopou o golfiño púxose en contacto coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para alertar da situación.

Desde o propio Cemma indicaron que se trata dunha femia de golfino comúnDelphinus delphis Linnaeus, que é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos. Unha especie que se caracteriza por Ter un corpo esvelto, hidrodinámico, delgado, e un fociño longo.

2023, un ano récord

Como informaba Nós Diario a pasada terza feira, 2023 foi un ano que bateu un infeliz récord. Foi o exercicio en que máis animais varados se encontraron nas praias galegas. 669 animais en total, maior cifra desde que hai rexistros e máis do dobre dos 316 que se contabilizaron en 2022. Foron 592 cetáceos, 12 focas, 25 tartarugas, 30 quenllas e 10 londras.

Do total de animais varados, 64,5% computouse entre A Guarda e Fisterra, mentres que 35,5% produciuse ao norte de Fisterra. Segundo os datos recollidos pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, 42,3% dos cetáceos morreron por capturas de pesca accidental.

Desde o Cemma destacaban que 2023 foi o ano con maior tartarugas computadas desde 2003, cun total de 25, 10 das cales estiveron ou están ingresadas en piscinas de recuperación que cede o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellaría do Mar.