O Goberno galego prohibe os cócteles do Nadal

Persoas agardando ás portas dun estabelecemento (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

As novas normas entrarán en vigor este sábado e obrigan, tamén, a contar co pasaporte covid en residencias e ximnasios.

A Xunta publicou novas normas para atallar o incremento dos últimos días da sexta vaga da pandemia por Covid-19. A través do Diario Oficial da Galiza (DOG), endurécense os eventos de Nadal , coa prohibición de cócteles, e esténdese o certificado covid (polo momento para maiores de 12 anos) para máis actividades.

Esta pasada quinta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurara que non se impoñerían medidas adicionais se a situación non empeoraba.

Como normativa xeral, na Galiza era preciso o certificado covid, á poboación maior de 12 anos, para acudir a restaurantes, a bares a partir das 21 horas, aos albergues de peregrinos, a discotecas e a visitar a algún paciente ingresado.

Porén, desde este sábado, como se confirmou coa publicación esta sexta feira no DOG das novas normas, tamén será preciso o pasaporte covid para a práctica deportiva non federada -como entrar en ximnasios e en piscinas-, para as persoas visitantes e acompañantes a centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade; para visitantes e acompañantes de pacientes en hospitais de día para tratamento oncolóxico e de diálise e hoteis de pacientes; e para acceso a eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante estes días.

Ademais, a Xunta publicou a prórroga do certificado  covid en hostalaría (para restaurantes todo o día e outro tipo de estabelecementos desde as 21 horas), coa novidade incorporada de que quedan prohibidos os eventos de cócteles de pé e actos de recepción con aperitivo. Cabe lembrar que en hostalaría reducíronse as mesas a oito comensais en interior e 15 en terraza.

Esta medida en concreto entrará en vigor a semana vindeira, é dicir, os cócteles que estivesen de antemán programados para esta fin de semana -do 18 e 19 de decembro- están permitidos, de maneira que se endurecen as medidas para as datas festivas do Nadal.

Estas medidas do Diario Oficial da Galiza estarán vixentes até o 18 de xaneiro.