O Goberno estatal inicia a investigación do naufraxio do 'Vila de Pitanxo', cun prazo dun ano

O operativo de busca desmantelouse contra as 22 horas desta cuarta feira (Foto: JRCC Halifax).
A comisión de investigación creada polo Ministerio de Transportes inicia a recompilación de evidencias documentais e electrónicas para determinar a causa do accidente.

A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), dependente do Ministerio de Transportes, comezou esta quinta feira coas pescudas sobre o sucedido no naufraxio do 'Vila de Pitanxo', un traballo que realiza en colaboración coa autoridades do Canadá.

Segundo vén de explicar o Ministerio, a Ciaim designou un equipo de investigadores e investigadoras tras coñecer o sinistro do pasado 15 de febreiro, que deixa nove falecidos confirmados, doce desaparecidos e tres sobreviventes. Nesta primeira fase, iniciou a recompilación de "evidencias documentais e electrónicas" sobre o buque, a tripulación e a viaxe.

De tal forma, agora mesmo recompila os certificados do buque, o proxecto de construción, reformas, listaxes de tripulantes, titulacións e certificados dos tripulantes, rexistros electrónicos dos sistemas de localización do buque —caixa azul de pesca e rexistros do Sistema de Identificación Automática—, previsións meteorolóxicas, radiocomunicacións e sinais de emerxencia.

Así, a Ciaim recibe "regularmente información" da comisión de investigación de accidentes marítimos do Canadá, así como do Perú, país de orixe de varios dos tripulantes do pesqueiro. A súa intención é colaborar con "todos os países que teñan intereses de consideración neste accidente", de acordo co estabelecido no Código OMI de investigación de sinistros.

Prazo dun ano

Para as súas pescudas, a Ciaim contará coa colaboración da administración marítima, autoridades competentes en materia de pesca, de seguridade e saúde no traballo, así como dos tripulantes rescatados, do propietario e armador do buque, da súa compañía aseguradora, e "de calquera persoa, organización ou organismo que poida achegar información esclarecedora das causas do sinistro".

"Estas entrevistas terán lugar no momento máis conveniente, de acordo coa información recompilada e coa previsión que haxa para a repatriación dos tripulantes", aclara. As seguintes accións a tomar por parte da Ciaim determinaranse en función do progreso da investigación, explican estas mesmas fontes.

De tal forma, as causas do sinistro determinaranse ao finalizar a investigación, cuxo informe ten un prazo máximo dun ano desde o accidente para estar publicado. Os barcos cos tres sobreviventes e os nove corpos recuperados tras o naufraxio do pesqueiro con base en Marín, que levaba 24 persoas a bordo, chegarán na mañá desta sexta feira ao porto canadense de Saint John.