O Goberno español manterá zonas reservadas para a eólica mariña pese ao rexeitamento do sector pesqueiro

Proxecto de eólica mariña de Ocean Winds. (Foto: Europa Press)
A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños cualifica de "atendado" contra os ecosistemas a forma de actuar do Executivo español.

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, promotora do Manifesto de Burela, vén de asegurar que o Goberno español manterá "zonas reservadas para a eólica mariña en todas as demarcacións" do Estado español, tal e como recolle o borrador do plan de ordenación do espazo marítimo (POEM).

Representantes da plataforma mantiveron no día de onte unha xuntanza telemática coa directora xeral da Costa e do Mar do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Ana María Oñoro, na que esta trasladou que o Executivo realizará "modificacións" no borrador, pero manterá estes espazos para eólica mariña.

Porén, Oñoro matizou que estas zonas verán reducidos o seu tamaño e as súa orientación iniciais. 

A directora xeral da Costa e do Mar puxo de exemplo a Demarcación Noratlántica, na que se realizarán as mencionadas modificacións, suprimindo as zonas "denominadas prioritarias" e "mantendo as zonas altamente potenciais".

Falta de información

Nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación, a plataforma detalla que, durante a xuntanza, notificóuselles que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico "prescindiría" de informacións relativas ao impacto socioeconómico e medioambiental da implantación da eólica mariña para a elaboración definitiva do POEM.

Así, denuncia que o Goberno español  "prescindirá da información sobre como pode afectar ás desovas de especies". Aliás, Oroño trasladou o "descoñecemento" dos "impactos socioeconómicos que a reserva de espazos para a eólica mariña pode ter no sector pesqueiro que traballa nestas zonas".

Pola súa parte, os representantes do sector pesqueiro trasladaron que isto contravén varios artigos da Lei 41/2010 de protección do medio mariño, nos que se cita "o principio de precaución e o enfoque ecosistémico e tendo en conta o coñecemento científico", ademais de especificar que "non se comprometerá a capacidade dos ecosistemas mariños de responder aos cambios inducidos pola actividade humana".

Outro dos artigos desta lei, cos que argumenta o sector pesqueiro a súa postura, é o 6, que estabelece os requisitos aplicábeis aos POEM. Nos seus puntos b) e e), dispón que "se terán en conta tanto os aspectos medioambientais, económicos e sociais como os aspectos de seguridade" e que "se utilizarán os mellores datos dispoñíbeis", respectivamente.

"Atentado" contra os ecosistemas

Para a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, a forma de actuar do Goberno español é un "atentado" contra "os nosos ecosistemas e o noso sector pesqueiro".

Para o colectivo, o sector da pesca "non pode ser obxecto de sacrificio para o beneficio de grandes multinacionais que ven nos nosos mares un territorio para especular coa enerxía, vestindo a súa aposta de “verde” para implementar un “greenwashing” a costa dos nosos ecosistemas e o sector pesqueiro".

Neste sentido, a plataforma anuncia que se reunirá de urxencia con todos os grupos políticos do Congreso e dos Parlamentos galego e asturiano para intentar "reverter a proposta que se pretende aprobar de implementar a eólica mariña nas nosas costas prescindindo de toda a información sobre os impactos nos nosos ecosistemas e na nosa actividade pesqueira".