O sector pesqueiro carga contra o plan de Rede Eléctrica para a eólica mariña
A planificación da empresa pública estatal Rede Eléctrica Española contempla "un vigoroso impulso" á eólica mariña (coñecida como 'offshore') con actuacións encamiñadas a garantir a conexión coas zonas incluídas como prioritarias no Plan de Ordenación do Espazo Marítimo dos futuros parques mariños.
Este é o caso da ampliación das subestacións de Xove, de 400 quilovoltios (kV), e a de Atios 220 kV, as encargadas de evacuar a electricidade de parques como os de San Cibrao e San Brandán, promovidos por Iberdrola nas augas da Mariña.
Estas intervencións súmanse ás de outras infraestruturas cuxa finalidade é dar saída á enerxía producida polos proxectos eólicos de nova construción, como a subestación de Tomeza (220 kV en Vilaboa), que será ampliada para apoiar a rede de distribución na zona, e a de Boimente (220 kV en Viveiro), que tamén se verá mellorada para facilitar a evacuación das renovábeis.
A propia Rede Eléctrica sinalaba na presentación do seu novo plan ─que segue a facer da Galiza o centro de produción do que se benefician despois outros territorios que non teñen que asumir os custos económicos, sociais e ambientais de albergar estas infraestruturas─, que "por primeira vez" o proceso de consultas do mesmo estivo aberto á cidadanía, ás empresas e ás Administracións.
Á marxe da pesca
Porén, o sector pesqueiro galego acolle con sorpresa estes avances na planificación enerxética, nos que xa se dá por feito que a eólica mariña será unha realidade na Galiza a pesar das consecuencias que para a pesca podería ter a construción destes parques na costa do país.
Como explica a Nós Diario, Torcuato Teixeira, secretario xeral de Pescagaliza e representante das confrarías galegas no Observatorio da Eólica Mariña, "Rede Eléctrica, igual que fixo o Miteco ─Ministerio de Transición Ecolóxica─ con eses primeiros borradores que presentou, estalle a facer o xogo ás grandes eléctricas, como Iberdrola, Repsol e outras multinacionais, que ven nisto un negocio redondo".
Neste senso, di entender que estas empresas non vexan o que hai no mar, pero "que non o vexa a Administración española xa é moi preocupante", recoñece o secretario de Pescagaliza.
Na mesma liña, Teixeira critica a "teima" por converter Galiza nun centro produtor e exportador de enerxía cun modelo "colonialista", aínda que se mostrou esperanzado de que a sociedade "sexa capaz de pararlle os pés a esta cobiza que teñen as empresas privadas" para que esta non se traslade ao Goberno español que, como apuntou, "ten que velar polos intereses xerais de todos e non os das multinacionais, ás que se lles fai a boca auga pensando no que poden enriquecerse a custa destes recursos".
José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías, en conversa con Nós Diario, considerou "inviábeis" os parques e lembrou ás Administracións que o sector "ten que traballar e os bancos, ao contrario que os muíños, non se poden trasladar".

