O Goberno español aproba a prórroga da rebaixa do IVE de alimentos e as axudas ao transporte público

O Goberno estatal fecha a porta a incluír carne e peixe na prórroga da rebaixa do IVE (Foto: Nós Diario)

A Deputación permanente é o órgano que asumirá a convalidación das medidas debido ao adianto electoral

O Goberno español aprobou esta terza feira un Real Decreto-lei para prorrogar algunhas das medidas para facer fronte ás consecuencias económicas da guerra en Ucraína e a subida de prezos que caducan o próximo 30 de xuño, como as rebaixas do IVE dos alimentos e as axudas ao transporte público.

"Hoxe aprobamos un sétimo paquete de medidas aplicábeis á segunda parte do ano para seguir respondendo con eficacia ao impacto da guerra en Ucraína", anunciou a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e de Ministras.

En total, este paquete de medidas mobiliza 3.800 millóns de euros adicionais, aínda que o impacto total (tendo en conta as axudas totais, coas rebaixas de impostos e bonificacións) é de 8.900 millóns de euros na segunda parte do ano.

Mantense así a supresión durante seis meses do IVE de 4% que se aplica a todos os alimentos de primeira necesidade, entre eles o pan ou o leite, e rebaixou de 10% a 5% o do aceite e a pasta.

Dentro dos alimentos básicos que ven eliminado o IVE de 4% destacan o pan común, así como a masa de pan común conxelada e o pan común conxelado destinados exclusivamente á elaboración do pan común; as fariñas panificábeis; os seguintes tipos de leite producido por calquera especie animal: natural, certificado, pasteurizado, concentrado, desnatado, esterilizado, UHT, evaporado e en po; os queixos; os ovos e as froitas, verduras, hortalizas, legumes, tubérculos e cereais, que teñan a condición de produtos naturais de acordo co Código Alimentario.

Mantéñense bonificacións ao gasóleo

Entre outras axudas que caducan o próximo 30 de xuño e que se prorrogaron esta terza feira atópase tamén a redución do prezo de abonos e títulos multiviaxe de transporte público (o desconto de proximidade de Renfe e media distancia xa se estendeu todo o ano). O Goberno seguirá bonificando con 30% o transporte público do resto de Administracións sempre que se comprometan a aumentar este desconto até 50%.

Tamén se prorrogan as axudas ao gasóleo para os transportistas profesionais, agricultores e gandeiros, de maneira que até o 30 de setembro a bonificación será de 10 céntimos por mes, mentres que no último trimestre do ano será 5 céntimos por litro.

Como consecuencia da disolución das Cortes Xerais polo adianto electoral, a Deputación permanente, único órgano que permanece en pé, será quen asuma a facultade de validar ou derrogar as medidas que aprobou esta terza feira o Goberno español vía Real Decreto-lei.