Centos de persoas lembran as vítimas do "masacre" de Melilla e urxen unha investigación independente

Unha multitude de persoas congregouse en Compostela, unha das cidades galegas que se mobilizaron nesta sexta feira. (Foto: Arxina)
Senllas concentracións decorren en oito cidades galegas baixo o lema 'Contra as mortes nas fronteiras' para condenar os sucesos do pasado 24 de xuño no valado de Melilla, onde faleceron, cando menos, 37 persoas migrantes que tentaban acceder a territorio europeo.

Máis dunha trintena de persoas procedentes de diferentes países do continente africano —37, segundo datos ofrecidos por diferentes ONGs— faleceron o pasado 24 de xuño na fronteira entre Marrocos e Melilla, cando intentaban entrar no Estado español. A maiores, cando menos un centenar resultaron feridas de diversa gravidade. Foron vítimas, denuncia a ONU, de "golpes e empurróns" por parte das autoridades marroquís.

Na memoria dos centos de persoas que cada ano morren nos límites da Unión Europea, e a fin de instar o Goberno español a mudar de forma radical a súa política migratoria, centos de persoas mobilizáronse onte baixo o lema 'Contra as mortes nas fronteiras' en Allariz, Compostela, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ribeira, Vigo e Vilagarcía, así como en medio centenar de localidades do resto do Estado. Este sábado, ás 20 horas, decorrerá unha nova concentración na praza de Armas de Ferrol.

"Todo isto ocorre nun escenario de calma tensa entre os gobernos de España e Marrocos. Tras o anuncio de apoiar a proposta marroquí de autonomía para o Sáhara Occidental, en abril entrou en vigor un convenio coa intención de incrementar a cooperación en materia de seguridade que contribúe a criminalizar as migracións", reza o manifesto ao que se deu lectura en cada unha das mobilizacións desta convocatoria unitaria a nivel estatal.

Urxen unha investigación independente para esclarecer os feitos, como pide a ONU

Na mesma liña, puxeron o foco en que os corpos das persoas finadas "están a ser enterrados en Nador (Marrocos) sen realizar autopsias, esenciais para unha posíbel investigación, sen identificalos e sen informar ás familias".

Nas diferentes mobilizacións que decorreron no país exixiuse, primeiramente, unha investigación "independente" para esclarecer os feitos, así como a identificación e repatriación das vítimas e ofrecer información ás súas familias, así como garantir o acceso a unha sanidade "de calidade" e atención especializada ás persoas feridas a diario nas fronteiras.

Tamén se urxiu a fin das devolucións 'en quente' e a derrogación, dentro da Lei de Seguridade Cidadá, dos "rexeitamentos na fronteira", alén da supresión da Lei de Estranxeiría. A "transparencia" neste novo marco de relacións entre Marrocos e o Estado español foi outra das cuestións que saíron á palestra, así como coñecer "en que gasta Rabat os cartos que recibe de España e da UE" e, por riba de todo, "respectar os acordos internacionais" en materia de dereitos humanos en toda a fronteira sur do continente europeo, "atendendo a particular vulnerabilidade das persoas menores".

O BNG exixe unha "rectificación"

Diferentes organizacións políticas como o BNG, Podemos ou Esquerda Unida, e outras sindicais como Sindicato Labrego Galego, CUT ou CIG, secundaron as mobilizacións. Precisamente o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, asistiu á que decorreu en Compostela xunto á portavoz municipal da formación nacionalista, Goretti Sanmartín, e urxiu o Goberno español a presentar unha "rectificación polo masacre de Melilla", ao tempo que se sumou á demanda dunha investigación independente do acontecido.

"É unha auténtica vergoña, non só o acontecido senón tamén a posición do Goberno do Estado español", dixo, e subliñou que "non só deixou morrer e agonizar durante horas moitas persoas, senón que mesmo as lapidou".

Rego lembrou que xa a comezos desta semana pediu, xunto a outras forzas políticas, a comparecencia na Cámara baixa do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. Aliás, cualificou de "enormemente grave" que o Goberno español permitise a entrada de xendarmes marroquís en Melilla para "golpear, deter e devolver en quente persoas que xa pasaran o valado".