A Galiza urxe unha "alternativa enerxética" aos eólicos: "Renovábeis si, pero non así"

Manifestación convocada pola plataforma 'Eólica Así Non' na praza do Obradoiro. (Foto: Europa Press).
Varios miles de persoas manifestáronse este domingo en Compostela, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, para reclamar unha alternativa ao actual modelo enerxético.

Convocados pola coordinadora da plataforma 'Eólica Así Non', máis de 200 plataformas ecoloxistas, culturais, sociais, sindicais e políticas demandaron polas rúas da capital galega "un modelo enerxético sustentábel e xusto".

O presidente da Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Roi Cuba, reivindicou unha "alternativa ao modelo eólico" que, sinala, "impón a Xunta e o Estado". "Queremos que o modelo enerxético sexa sustentábel e xusto", insistiu.

Ademais, expuxo que, "sendo o Día Mundial do Medio Ambiente", para os ecoloxistas é "fundamental" defender o territorio e, neste sentido, volveu incidir en que a implantación da enerxía eólica "ten que ser sustentábel", tanto no mar como no monte.

Pola súa banda, Arantza González, da plataforma 'Aire Limpo nas Mariñas Mandeo', da comarca de Betanzos, puxo en valor que este movemento "ten forza" porque "o moven os veciños que se senten agredidos por este ataque ao seu territorio". "Temos o apoio de toda a cidadanía porque este ataque non é só ao territorio, senón ao medio ambiente", puntualizou.

Nesta mesma liña, lamentou que o modelo eólico actual "ataca ecosistemas que non teñen prezo e non se venden por nada, como a auga", xa que os aeroxeradores sitúanse en ladeiras dos montes "onde nace a auga que serve a aldeas e pobos".

Recalcou, ademais, que o debate non é "eólicas si ou non": "Enerxías renovábeis si, por suposto, pero non como as queren pór". Por iso, subliñou que demandan "enerxías renovábeis sustentábeis", pero "as que fagan falta" e "sen malgastar", porque considera que hai que reducir o consumo para diminuír "os oligopolios que queren seguir co seu negocio". "Tamén estamos aquí para defendernos do ataque das macroindustrias eléctricas", concluíu.

"Temos alternativa!"

A manifestación transcorreu con normalidade desde a Alameda compostelá até a praza do Obradoiro, onde portavoces dos diferentes colectivos adheridos procederon á lectura do manifesto 'Temos alternativa!', nun acto conducido pola actriz Isabel Risco e o contacontos Lois Pérez, acompañados dun grupo de música tradicional.

O documento recolle a defensa de nove principios fundamentais: a protección da natureza, a preservación dos caladoiros de pesca e corredores ecolóxicos mariños, o coidado do patrimonio, a compatibilidade coa soberanía alimentaria, o aforro e eficiencia enerxética "antes que o aumento da xeración", a soberanía sobre os recursos fronte ao "espolio enerxético", a planificación enerxética con fins socioambientais e "ao servizo do país", ", participación pública activa e preservación da saúde pública.

O BNG, contra "o 'boom' eólico depredador"

Á manifestación asistiu a portavoz do BNG, Ana Pontón, que pediu á Xunta que "deixe de abrazar ás eléctricas" e "escoite á cidadanía nas rúas".

A líder nacionalista defendeu que a Galiza "non pode soportar un novo ataque ao medio rural" porque, ao seu xuízo, detrás dos proxectos de macroeólicos "hai interese por continuar co espolio e depredación de toda a vida".

Neste sentido, criticou que "aínda que algúns queiran pór a etiqueta verde, non coa" porque "hai un movemento de norte a sur contra o 'boom' eólico especulativo e depredador" que non vai aceptar un modelo eólico que supón "a depredación do territorio" e que só busca que "o lobby eléctrico siga facendo negocio e especulando".

A preguntas dos medios, Pontón avanzou que este é un tema "prioritario" para o BNG polo que na reunión prevista esta segunda feira co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediralle que o Goberno "dea resposta" ao "boom eólico especulativo".

"É agora cando hai que parar isto e sentar a planificar un desenvolvemento enerxético que sexa sustentábel, respecte o mundo rural e deixe beneficios no país e non no consello de administración das eléctricas", defendeu.