Burbulla eólica: Greenalia promove un novo parque nos Ancares con 19 muíños de 180 metros de altura

Aeroxerador de Greenalia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Greenalia)
A empresa enerxética ten pensado instalar outros sete aeroxeradores nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) somete nesta sexta feira a exposición pública a documentación do novo proxecto de macroparque eólico que a compañía Greenalia promove na comarca dos Ancares, e que estará composto por 19 aeroxeradores de 180 metros de altura.

En concreto, a empresa instalaría estes muíños nos concellos de Triacastela, As Nogais, Becerreá, Baralla, Baleira e Pol.

O parque eólico Levante, así denominado, contará cunha potencia bruta de 106,4 megaWatts (mW) e 5.600 kiloWatts (kW) de potencia nominal unitaria.

O orzamento total para o desenvolvemento destes 19 aeroxeradores será, segundo se detalla no BOE, de 111.324.279,58 euros. Asemade, o macroparque contará cunha rede subterránea de media tensión de evacuación, unha subestación colectora SET, e unha liña de alta tensión que conectará coa colectora SET do parque eólico de Ventisca, que tamén pertence a Greenalia.

Desde este sábado, día seguinte á publicación dos informes sectoriais no BOE, ábrese un prazo de 30 días hábiles para que calquera persoa física ou xurídica que o vexa oportuno presente alegacións contra este proxecto.

Paso polo Camiño de Santiago

Segundo recolle a publicación do BOE, a evacuación de enerxía do parque eólico Levante levarase a cabo a través de tramos de liña aérea de alta tensión, a excepción dun tramo no que o tendido eléctrico será subterráneo, xa que cortará polo medio dunha etapa do Camiño de Santiago.

Desde a colectora SET Levante, a liña aérea de alta tensión conectará primeiro coa SET Pena do Pico, e despois coa subestación Monteiro.

Porén, entre Monteiro e a colectora SET Ventisca, a aprobación do proxecto implicaría facer un cambio a un tendido subterráneo con canalizacións de formigón, xa que nese tramo atópase unha zona do Camiño de Santiago.

Segundo proxecto de Greenalia nunha semana

Esta pasada terza feira, o Diario Oficial da Galiza (DOG) sometía tamén a exposición publica o proxecto de parque eólico que a compañía ten pensado construír nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos.

O parque, Lamas de Feáns, estará formado por sete aeroxeradores de 127,5 metros de altitude, cunha potencia nominal unitaria aproximada de 5mW, 33 en total. O orzamento superará os 27 millóns de euros.

Parte das instalacións deste proxecto estarían situadas na zona de transición da Reserva Transfronteiriza Gerês-Xurés, mais Greenalia argumentou que o parque está a "máis de 5,5 quilómetros da zona de núcleo".