8-M

A Galiza tínguese de violeta nunha nova xornada histórica para a loita feminista

As rúas de Vigo ateigadas de xente este 8-M (Foto: Javier Vázquez / Europa Press(.
Chova, vente ou neve, o movemento feminista non deixa de saír á rúa para reivindicar a igualdade entre homes e mulleres. Moreas de paraugas de todas as cores pintaron as prazas de cidades e vilas galegas para acabárense fundindo nunha soa: a violeta.

Centos de persoas mobilizáronse esta cuarta feira ao longo do país, no Día Internacional das Mulleres Traballadoras, unha xornada que foi de loita e reivindicación. A chuvia e o vento non impediron as manifestantes reunirse nas máis de medio cento de protestas convocadas nas distintas cidades e vilas galegas. A forza colectiva fixo do vento un aliado para espallar os berros de “Estamos fartas da dobre xornada”, “Non á discriminación”, “O machismo é terrorismo” ou “Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé”.

A pesar de que este ano as  mobilizacións do 8 de Marzo non se visen acompañadas pola convocatoria dunha folga, o mundo volveu parar como cada Día Internacional das Mulleres Traballadoras para escoitar os berros das mulleres que se manifestan e tamén aqueles das que xa non poden berrar. Así, as rúas cortadas deixaron pasar milleiros de mensaxes reivindicativas que enchían pancartas e lemas coreados baixo a chuvia por centos de voces. 

As distintas mobilizacións estiveron repletas de faixas que deixaban ver frases como “As pensións non se tocan”, “Servizo de axuda no fogar, a loita continúa”, “Non á exclusión laboral das traballadoras de Enaire”, ou “Por uns salarios dignos en Eroski-familia”, entre outras moitas. A gran maioría das pancartas estiveron centradas na temática escollida pola Marcha Mundial das Mulleres que este ano puxo o foco nos servizos públicos pois, aseguran desde este colectivo, a ausencia destes empeora a vida das mulleres.

Unha das manifestantes que participou na mobilización de Compostela pola tarde, María García, e que pola mañá xa asistira á concentración convocada pola CIG, explicou a Nós Diario: “eu veño aquí como muller traballadora.

Na miña empresa segue habendo unha fenda salarial importante. Os homes teñen categorías nas que cobran máis, ás que as mulleres non temos acceso”, e engadiu “todo son promesas de que a situación vai cambiar, pero nunca pasa”. Con respecto á defensa dos servizos públicos, explicou o seu causo persoal indicando que súa nai foi a encargada de coidar de toda a familia porque non podía acceder ao sistema público de coidados. “Hai que rematar tamén con iso”, conclúe.

Unha loita transversal

As distintas mobilizacións desta cuarte feira estiveron moi caracterizadas por unha gran transversalidade no que respecta á idade das persoas participantes. Desde adolescentes até mulleres de avanzada idade, todas reivindicaron os seus dereitos nunha xornada, un ano máis, histórica. Laura Malvar, unha moza de 19 anos, indicaba a Nós Diario que “estamos aquí para reclamar os nosos dereitos; aínda queda moito por loitar”. Así, Malvar, "farta" do papel ao que se ve relegada a muller, mantén que “non é que esteamos debaixo do teito de cristal, e que somos nós quen o limpamos”. 

Neste sentido, Cristina, que participou na manifestación de Compostela, engadía que “non só o teito de cristal nos impide chegar a postos de poder, senón que tamén existe un chan pegañento que nos suxeita e que só permite ver os homes como persoas con capacidade, responsabilidade e competencia para desenvolver eses postos”. Cristina opina que, se ben “é certo que se foron dando pasos atrás desde as masivas manifestacións de 2017 e 2018, creo que estamos experimentando un rexurdir do activismo e do compromiso, especialmente entre a xuventude”. Así, engade que “vemos moita xente nova secundando as mobilizacións, tanto alumnado universitario como mesmo de instituto”.

Iara Brea, que estivo presente na mobilización de Pontevedra, opina que “ten que acabar xa a discriminación e a violencia que sufrimos todas as mulleres", referíndose tamén ao colectivo trans. “Ténsenos que permitir estar nos espazos públicos sen que nos sintamos incómodas ou en perigo”, engade Brea, que asegura ter ido á manifestación para sentir “a irmandade das compañeiras que tamén estiveron alí loitando polos nosos dereitos”. 

Pola súa parte, Noelia Fernández asistiu á manifestación decorrida en Vigo. En conversa con este xornal afirmaba que “é importante darlle visibilidade a un movemento que, aínda que moitas de nós sabemos que está activo cada día do ano e a todas horas, en momentos como este consegue unha carra máis visíbel”. “No 8-M berramos e ocupamos un espazo que moitas veces se nos quita”, sostén Fernández, engadindo que “o feito de ser muller, en calquera das súas formas, non pode ser un atranco para vivir en paz e con dignidade”.

“Eu fun á manifestación para declarar que formo parte desta loita todos os días e porque me sinto parte de algo vivo que está en movemento”. Así, conclúe que “as nosas historias tamén importan e temos que defendelas”.

Igualdade "real e efectiva"

“Na sociedade actual non se pode non ser feminista”, asegura Ana Golán, que participou na manifestación de Lugo. “Non podemos permitir que en ningún ámbito da nosa vida se nos trate como cidadás de segunda”. Para a conquista dunha igualdade “real e efectiva” de xénero, “debemos pelexar nas rúas e mostrar o noso rexeitamento ao feito de non ter aínda os mesmos dereitos que os homes”.

Neste sentido, Golán engade que “é importante mostrar inconformismo ante as desigualdades que sufrimos e facernos ouvir nunha sociedade que nos invisibiliza”. Por todo isto, Ana Golán entende o feminismo como un movemento “que transforma as relacións a calquera nivel, tanto social, como político ou económico”.