Estas son as mobilizacións que a CIG convoca para o Día da Clase Obreira Galega

O secretario comarcal da confederación nacionalista en Vigo, Alberto Gonçalves, presentou esta terza feira os actos que se convocarán na cidade olívica.
A CIG conmemorará o Día da Clase Obreira Galega (Foto: Nós Diario).
photo_camera A CIG conmemorará o Día da Clase Obreira Galega (Foto: Nós Diario).

A CIG conmemorará o vindeiro 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións nas principais cidades galegas baixo o lema 'As pensións non se tocan'.

Loitas que comezaron, segundo apuntan desde a CIG, en Ferrol no mes de marzo, e que meses despois se estenderon a Vigo, pola "dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva na Galiza".

"As medidas postas en marcha polo Goberno español e galego resultan insuficientes, e mesmo inexistentes, mentres o capital está tirando proveito da carestía da vida, obtendo millonarios beneficios a conta do saqueo ao pobo traballador e ás maiorías sociais. Velaí os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas", sinalan desde a central sindical.

"Na nosa man e na nosa capacidade de mobilización está parar esta reforma das pensións, está poder avanzar na defensa dos servizos públicos, na recuperación económica, na industrialización e na creación de emprego digno na nosa terra", acrecentan.

O secretario comarcal da confederación nacionalista en Vigo, Alberto Gonçalves, presentou esta terza feira os actos que se convocarán na cidade olívica, que acollerá unha marcha con saída ás 18.30 horas do cruzamento da Dobrada.

En Ferrol celebrarase ese mesmo día unha ofrenda floral, ás 12.30 horas no monumento ao 10 de marzo, e ás 19.30h partirá unha manifestación desde a sede da CIG na cidade, da que participará o secretario xeral da central sindical, Paulo Carril. Tamén haberá manifestacións e concentracións na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Lugo, Vilagarcía, A Estrada e Viveiro.

Gonçalves subliñou que, para a CIG, o 10 de marzo "non é unha data ritual, senón unha xornada de loita e de reivindicación". "Unha xornada na que reafirmar o noso compromiso firme para continuar coa loita pola que deron a vida Amador e Daniel en Ferrol, en 1972, e que foi a chama que prendeu na heroica folga de Vigo en setembro dese ano", proclamou.

Así, este ano esa conmemoración centrarase en "dar resposta ás ameazas" e en avanzar nunha "saída galega e socialmente xusta" da crise. A respecto diso, sinalou que as medidas expostas polo Goberno estatal son "insuficientes", mentres as grandes empresas seguen obtendo beneficios.

O secretario comarcal da CIG denunciou que as previsións de actuación van na dirección de aprobar unha nova reforma das pensións, e advertiu de que aumentar a 30 os anos para o cálculo das prestacións, mantendo a reforma de 2011, incide na caída progresiva das mesmas.

Así mesmo, censurou que, ao remate de 2022, a pensión media na Galiza estaba en 930 euros mensuais, 150 euros por baixo do salario mínimo interprofesional. "No caso das mulleres, a diferenza agrávase", engadiu Gonçalves.

O representante sindical tamén advertiu de que esta nova reforma súmase á última reforma laboral, "coa que nin recuperamos nin gañamos dereitos", e tamén alertou contra o avance da dereita e a ultradereita, á que chamou a confrontar e "non alimentar facendo as mesmas inxustas políticas económicas de recortes".

Comentarios