A Galiza solidarízase con Palestina por sétima semana

Concentración na praza Roxa de Santiago (Imaxe: Nós Diario)
Ao pouco de coñecerse a ampliación do cesar o fogo en Gaza e ante a presión internacional para evitar novos ataques, centos de persoas volveron esta segunda feira ocupar as prazas dunha trintena de localidades da Galiza "contra o xenocidio sionista do pobo palestino". Por sétima semana consecutiva exixiron sancións e a ruptura de relacións con Israel.

A solidariedade da Galiza co pobo palestino continúa a poucos días de que remate o cesar o fogo na Faixa de Gaza que, ademais, non afectou Cisxordania, onde a violencia das forzas israelís vai en aumento e acrecenta o sufrimento ao tempo que o fan tamén as voces máis críticas.

Esta segunga feira á noitiña volveron escoitarse na Galiza. Unha trintena de localidades atenderon a chamada de Mar de Lumes, BDS Galiza, a Asociación Galego Árabe Jenin e Galiza por Palestina por sétima semana consecutiva. "Todo o que está a acontecer é unha aberración. A situación de Palestina é aberrante desde que existe o conflito", recalca Rute Pallares desde a protesta decorrida esta segunda feira no farol de Urzáiz, en Vigo. 

A súa denuncia centrouse na posición de Occidente, sempre apegado ao "poder" e cómplice do "roubo do territorio do pobo palestino, da súa autonomía, da súa maneira de vivir e mesmo de sobrevivir; privando a poboación das súas terras e da saída ao mar". 

Na mesma liña expresouse Pilar Paz desde a praza Roxa de Compostela. "Eu, primeiro de todo, saio á rúa por humanidade", declarou a Nós Diario. "Estase levando a cabo o exterminio dun pobo diante dos nosos ollos e non podemos ficar pasmadas nin caladas".

Mais o seu chamamento tamén vai dirixido aos Estados. "Ten que se facer xustiza cun pobo que leva 75 anos colonizado pola forza, expulsado da súa terra e das súas casas, ocupadas agora polos colonos israelís. Vivindo como refuxiados na súa terra, excluídos dos dereitos humanos fundamentais, porque o seu agresor, Israel, ten poder económico e político, e conta coa amizade cómplice dos EUA e de Europa". 

"A ninguén se lle escapa o poder económico do lobby xudeu. E isto que mantén Occidente paralizado e indiferente ante o exterminación do pobo palestino", clama Miguel Barrios desde Xinzo. 

A Galiza pediu ao unísono a fin do xenocidio, rachar con Israel e promover sancións contra o seu "réxime terrorista". "Cómpre que dunha vez por todas a UE e o Estado español presionen con todas as ferramentas ao seu alcance: desde a saída da OTAN até o recoñecemento unilateral do Estado palestino ou mesmo a suspensión temporal das relacións cos EUA", exemplificou Simón Ubeiro desde a praza Avelino Vicente da Guarda. "O Goberno do Estado chega tarde máis a Xunta nin sequera está", apupou Manuel Luaces desde Monforte, onde a comunidade musulmá volveu saír á rúa.