Intensifícanse os choques no Sáhara

Os combates no Sáhara Occidental van a máis, case unha semana despois de se romper o acordo de cesamento do fogo e de que a Fronte Polisario declarase a guerra a Marrocos. Rabat continúa a levar a cabo detencións nas cidades ocupadas, ao tempo que segue a negar os choques bélicos, que a propia ONU confirmou.
sahara_exercito
photo_camera As forzas militares de Marrocos foron obxecto de ataques en varios puntos do muro por parte do Exército saharauí (Foto: Nushatta)

No Sáhara Occidental ocupado por Marrocos, ao oeste do muro militar, as forzas de seguridade marroquís seguen a asediar as cidades, e os postos de control bloquean todas as estradas. Ademais, varias casas de distintos militantes saharauís foron rexistradas, segundo informa a axencia de noticias ECS Saharaui.

Desde a pasada sexta feira, todas as noites centos de manifestantes toman as rúas das cidades ocupadas de El Aaiún e Dakhla. As persoas concentradas berran e ondean bandeiras da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), coreando "Sáhara Occidental libre". Longos convois de automóbiles uníronse tocando as bucinas, e producíronse enfrontamentos coas forzas de seguridade marroquís que intentaron dispersar as concentracións.

No distrito dos Bloques Vermellos, os manifestantes lograron fechar completamente as rúas, bloqueando así o acceso ás forzas ocupantes. Alí reuníronse para continuar as protestas até que os reforzos marroquís lograron desmantelar os bloqueos improvisados ao longo das estradas. As persoas concentradas foron despois escorrentadas por escuadróns de motociclistas, patrullas de Policía e forzas auxiliares.

Como resultado, 25 mozos saharauís foron arrestados tras as manifestacións. Están illados en confinamento e non poden recibir visitas. Segundo varios relatos, axentes marroquís enmascarados ou vestidos de civís, mesturados coa multitude, encárganse de filmar os activistas, que despois son perseguidos e arrestados.

No barrio de Oum Tounsi, cuxos habitantes son os saharauís que foron obrigados a abandonar a súa vila de Bir Anzaran, a 150 km ao leste de Dakhla, as mulleres saíron en masa, berrando contra a ocupación marroquí e en apoio ao seu Exército de Liberación.

"Queremos volver á nosa vila, vivir alí libres e sen preocupacións, baixo a bandeira da República Saharauí. E tamén desexamos elixir a nosa forma de vida sen ter que ter medo", declarou un dos manifestantes.

Tamén, desde o 15 de novembro, observáronse longas columnas de reforzos militares marroquís en El Aaiún, Tan-Tan, Dakhla e Smara. En Boujdour, informouse de catro cidadáns saharauís detidos na segunda feira.

Secuestros

E en Amgala, segundo outra fonte, os servizos de seguridade que acompañaban os vehículos militares que pasaban polo centro da cidade tentaron secuestrar un cidadán saharauí que usaba o teléfono móbil mentres estaba a pasar o operativo motorizado polo centro da cidade.

O réxime de ocupación marroquí segue mobilizando as súas forzas cara aos cuarteis e bases situadas ao longo do muro da vergoña, ao tempo que encobre as condicións dos seus soldados desde o 13 de novembro ─tras se rachar o acordo de cesamento do fogo─, xa que o Ministerio de Defensa saharauí confirmou que as forzas de ocupación marroquís sufriran baixas materiais e humanas logo das operacións lanzadas polo Exército saharauí ao longo do muro.

A Axencia Marroquí de Noticias (MAP) confirmou nunha noticia ─posteriormente borrada─ que as forzas militares de Marrocos foran obxecto de ataques en varios puntos do muro. Non obstante, as autoridades continúan a ocultar as perdas humanas, malia as queixas das familias que perderon os seus soldados nestes últimos días. 

A ONU certifica ataques 

A ONU dixo que certificara ataques intensos nas localidades de Smara e Auserd, centro e sur do Sáhara Occidental respectivamente, segundo o portavoz do secretario xeral das Nacións Unidas, Stéphane Dujarric. Dujarric ademais asegurou que a ONU está comprometida coa paz no Sáhara Occidental, e que aínda non é demasiado tarde para actuar, volver á vía diplomática e reiniciar as negociacións entre as dúas partes en conflito, a Fronte Polisario e Marrocos. 

As declaracións prodúcense nun momento en que non hai tregua na loita armada. Segundo ECS Saharaui, onte houbo serios enfrontamentos entre o Exército de Liberación Saharauí e as forzas de ocupación marroquís, que disputaron violentas batallas ao longo do muro militar construído por Marrocos en oito zonas.

Comentarios