Galiza, Euskadi e Catalunya son as Autonomías que menos apoian o envío de armas a Ucraína

Soldados do exército ucraíno (Foto: Diego Herrera / Europa Press).
O País Valencià, Madrid e Canarias son as Autonomías que, pola contra, máis apoian o envío de armamento.

O envío de armas a Ucraína ten sido un tema de debate e discrepancia para unha notábel parte da poboación europea e mundial.

No caso do Estado español non ten sido diferente e así o evidencia unha enquisa publicada esta terza feira polo Gabinet d’Estudis Socials i Opinió Pública.

Se ben a sondaxe mostra que 60% da cidadanía do Estado español apoia o envío de armamento a Ucraína, tamén se evidencia que Galiza, Euskadi e Catalunya son as tres Autonomías que menos apoian este envío de armas.

De acordo coa sondaxe, no caso galego 55,2% da poboación di apoiar este envío de armamento, 32,6% di non estar de acordo e 12,2% asegura non ter unha opinión formada ao respecto.

En Catalunya, 46% apoia o envío de armas, 44,9% non o fai e 9,1% non ten unha opinión formada; mentres que en Euskadi, 39,1% está a favor, 50,9 non apoia o envío e 10% prefire non contestar, o que a converte a única autonomía con máis rexeitamento que apoio.

Maior apoio

Pola súa parte, o País Valencià, Madrid e Canarias son as Autonomías que máis apoian o envío de armamento.

Segundo informan desde o Gabinet d’Estudis Socials i Opinió Pública, a enquisa foi feita a 1.002 persoas adultas con dereito a voto a través de chamadas telefónicas.