Galiza concentra case a metade dos MW de eólica mariña que tramita o Goberno español

Parque eólico mariño.

A implantación da enerxía eólica mariña é unha prioridade para o Goberno español, que esta terza feira aproba no Consello de Ministras e Ministros o Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM). Na Galiza, empresas enerxéticas presentaron xa a proposta para nove parques cuxa potencia eólica representa case a metade dos megawatts (MW) de eólica mariña que tramita o Estado.

Esta terza feira prevese a aprobación, mediante real decreto, do Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM), que por vez primeira abre a porta a proxectos de enerxía eólica na costa galega.

A aprobación por parte do Consello de Ministras e Ministros pon a primeira pedra no camiño dos proxectos de parques eólicos mariños a gran escala. Unha competencia que o Estado español resistiuse a delegar aos Gobernos autonómicos, que só poden xestionar os proxectos de até 50 MW.

Sen sede na Galiza

A día de hoxe atópanse en tramitación na Galiza 4.695 MW de eólica mariña, o que representa case a metade dos megawatts deste tipo de enerxía en todo o Estado español. Son un total de nove parques proxectados na costa galega e impulsados por empresas que carecen de sede na Galiza.

Iberdrola foi a primeira enerxética en proxectar dous parques mariños na Galiza: un total de 980 MW fronte á Mariña e Ortegal. Nesta última zona tamén quere instalar un parque de 1.000 MW o grupo Cobra, con sede en Madrid e propiedade de Vinci, multinacional francesa, e de Florentino Pérez. Tamén as empresas madrileñas Bluefloat e Sener pretenden erguer un parque en Ortegal, de 1.200 MW.

Ademais, a firma cordobesa Abei Energy proxecta un parque sobre a Mariña, de 600 MW. Tamén a madrileña Ferrovial aspira a erguer un parque de 495 MW na costa mariñá e un de 510 MW nas Rías Baixas. Precisamente, neste emprazamento prevé instalar muíños no mar Capital Energy, con sede en Madrid, para xerar 510 MW.

Catro de cada dez MW, na Galiza

As augas galegas son albo de máis de 42% dos MW de eólica mariña que se atopan en fase de tramitación a nivel estatal, isto é, catro de cada dez. No conxunto do Estado son perto de 13,8 os xigawatts que está a valorar o Miteco.

Estes proxectos, no caso de seren autorizados, concentrarían máis potencia (5,8 XW) da prevista en todo o Estado de cara a 2030 e sumarían 8,7% da potencia prevista para o ano 2030 no conxunto da Unión Europea —60 XW— e até 2,3% dos 228 XW proxectados a nivel mundial pola Axencia Internacional de Enerxías Renovábeis (Irena, en inglés). A Galiza superaría, con folgura o obxectivo marcado a nivel estatal para ese ano: entre 1 e 3 XW.

Deste modo, os muíños previstos na Galiza ascenderían en conxunto a 393, cunha potencia total de 5.805 MW, case dous xigawatts máis que os xa instalados na actualidade de eólica terrestre (3.897 MW), segundo o último balance da patronal galega.