Galiza comezará a vacinar a maiores de 80 anos a partir do 22 de febreiro

Galiza comezará a vacinar a maiores de 80 anos a partir do 22 de febreiro [Imaxe: Xunda da Galiza].

A Xunta traballa nun plan de desescalada para residencias, nas que se completou o 95% da vacinación. 

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, avanzou este sábado que Galiza comezará a vacinar contra o coronavirus a maiores de 80 anos a partir do 22 de febreiro, segunda feira, "se todo vai ben" e non se produce unha "ruptura de subministración".

Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, Aboal sinala que se prevé avisar a este grupo de idade "uns días antes", a partir do 17 de febreiro, co obxectivo de comezar a vacinación o día 22.

Na pasada quinta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que se traballaba cun calendario de vacinación para este grupo de idade que comezase o 16 de febreiro, pero será uns días máis tarde, segundo o exposto por Aboal este sábado. O titular do Goberno galego marcou como previsión que este colectivo estea inmunizado (tras recibir as dúas doses) a "principios de maio".

A este respecto, Aboal apunta que a intención é que en dous meses se complete a inoculación dos maiores de 80 anos. Farase nos centros de saúde nas cidades, así como nas cabeceiras de comarca no rural.

A próxima semana chegarán 30.000 vacinas 

Así mesmo, Jorge Aboal relatou que a próxima semana chegarán á Galiza 30.000 vacinas, unhas 20.000 de Pfizer e 10.000 de Astrazeneca -que só se inxectarán a menores de 55 anos-.

Tamén apuntou que o Ministerio de Sanidade trasladou que se prevé que novas vacinas de Novavax e Johnson & Johnson cheguen a partir de abril. Ademais, espérase que entre o segundo e terceiro trimestre deste ano haxa remesas importantes da vacina de Moderna.

Descenso de contaxios

Todo iso, mentres a curva de  contaxios "está a descender" na Galiza, cunha situación epidemiolóxica na que as medidas "están a facer efecto". E é que a incidencia a sete días está "por baixo da metade" das cifras a 14 días.

Remarca que seo descenso nos contaxios tarda entre 12 e 14 días en ter repercusión en baixada da presión asistencial. Con todo, asegura que a situación nas UCI está "estabilizada", despois de  alcancarse o pico o paso 4 de febreiro con 254 ingresados, polo que agarda que vaian diminuíndo "lentamente".

Cribados a 50.000 persoas esta fin de semana

Igualmente, Aboal informou de que esta fin de semana van realizar na Galiza cribados a unhas 50.000 persoas. Remarca que funcionan "moi ben", cunha asistencia de entre "o 65% e o 90%".

Entre outras probas, na cidade de Ourense faise un cribado a 12.000 persoas (Expourense), así como a outras 12.000 persoas en Santiago e Ames no recito feiral de Amio.

Unhas 30 camas para pacientes portugueses

Noutra orde de cousas, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas asegurou que hai unhas 30 camas reservadas no Chuvi para atender en "un primeiro momento" a pacientes que poida derivar Portugal, aínda que asegura que aínda non recibiron esta petición.

Xunto a isto, valora que o programa piloto de recollida de mostras de saliva para facer probas de coronavirus en farmacias da área sanitaria de Pontevedra está a ter "moi boa acollida". Por iso, se hai unha boa evolución, estenderase ás catro provincias.

DomusVi de Carballo, máis de 100 infectados

Pola súa banda, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo, informou de que ao redor do 95% das residencias de maiores e persoas con discapacidade completaron a vacinación na Galiza.

Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa  Press, Acevedo dixo que a Consellaría de Política Social traballa nun plan de "desescalada" para as residencias para remitirá proximamente ao comité clínico. Ese prazo para a súa posta en marcha pode coincidir co marcado para as restricións previstas na Galiza até o 17 de febreiro.

Aínda que deixa claro que non se pode "baixar a garda", avoga por "ir retomando espazos de normalidade" para residentes e familias, que "sufriron moito" e "necesitan recuperar parte da súa vida". Serán medidas graduais e non "de cero a cen".

E é que Acevedo chama a atención sobre que fai un par de semanas que hai unha "tendencia de descenso" de contaxios nas residencias grazas á vacinación.

Preguntado pola situación da residencia DomusVi de Carballo, con máis de 100 infectados entre residentes e traballadores, dixo que está "en estudo" se se corresponde á presenza dalgunha cepa como a británica, pero non existe confirmación. Asegura que se rexistrou un "comportamento un pouco anómalo" pola súa virulencia, pero pon o foco acerca de que na última semana conseguiuse "estabilizar".