A Fundación Galiza Sempre rescata nun libro a memoria de Nunca Máis

Presentación do libro da Fundación Galiza Sempre en Compostela (Foto: Nós Diario).
A entidade nacionalista presentou esta quinta feira o libro Nunca Máis. 20 anos da maior resposta social do pobo galego en Compostela. 

Esta quinta feira, 1 de decembro, cumpríronse 20 anos da primeira gran mobilización convocada pola Plataforma Nunca Máis en protesta contra a xestión da catástrofe do Prestige. Lembrando esta circunstancia, a Fundación Galiza Sempre presentou a obra colectiva Nunca Máis. 20 anos da maior resposta social do pobo galego en Compostela.

O libro, coordinado por Carme Vidal e Lucía Veciño, conta cun limiar da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, unha introdución do presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, e as testemuñas en forma de artigos de quince persoas que viviron en primeira liña aqueles días.

Na publicación, Rafa Vilar, Xaquín Rubido e Bieito Lobeira explican como desde Nunca Máis se denunciaba o que estaba pasando, e Puri Cabido relata a mobilización do alumnado para realizar a maior cadea humana da historia galega. Tamén se trata, a partir da experiencia de Fins Eirexas e Pepe Salvadores, a limpeza de praias e a denuncia ecolóxica, O do papel dos medios de comunicación durante a catástrofe do petroleiro  figura nunha análise de Rocío Castro

O mundo da cultura está presente con textos de Marta Dacosta, Suso de Toro, Xurxo Souto e Uxía así como a experiencia que vivíu o sector do mar, coas voces de María Xosé Cacabelos e Torcuato Teixeira. Por último, o avogado da Plataforma, Pedro Trepat, comenta os aspectos xurídicos e Xosé María Torné relata como deseñou a bandeira da Plataforma. No apartado gráfico recupéranse fotografias, entre outros, de Xaquín Soliño e Andrés Panaro.  

O deseñador Xosé María Torné considera, en conversa con Nós Diario, que era “un libro necesario para explicar o que aconteceu, un movemento moi importante para o país, tamén a nivel político”. Lembra que había “moito marketing” para difundir a protesta, como o da bandeira que deseñou “que conseguimos levar a todas as casas, mesmo ás cidades e vilas onde non chegaba o chapapote”.

Recuperar a memoria de Nunca Máis

A publicación deste libro parte, explica Rubén Cela a Nós Diario, da inquedanza de “recuperar a memoria e o seu estudo”, unha tarefa que, apunta, “para o nacionalismo sempre foi fundamental” ao existir na actualidade “unha amplo descoñecemento como nación de si propia”. 

Cela recoñece que o nacionalismo galego “ten unha materia pendente coa súa propia historia” e por este motivo entende que “é necesario, coincidindo co aniversario do Prestige, falar do que supuxo a resposta popular que tivo aquela crise”.

Para o presidente da Fundación, “Nunca Máis foi o movemento cívico máis importante da historia da Galiza” e o propio 1 de decembro unha data que "rompeu moitos tópicos con respecto ao noso país" polo que “debería lembrarse a nivel institucional como propuxo no Parlamento o BNG”. 

Ademais, o libro recupera a importancia que tivo o conxunto do nacionalismo galego na Plataforma Nunca Máis. “Non foi unha plataforma nacionalista mais o papel do nacionalismo foi absgalegaolutamente determinante para que fose o que coñecemos: un movemento moi ben organizado e vertebrado, con moita capacidade de actuación social e cunha folla de ruta nas súas demandas”, sinala Cela que pensa, ademais, que marcou a aprendizaxe doutros movementos de protesta posteriores na Galiza