Desastre do 'Prestige'

Roi Cuba, sobre o 'Prestige': "A sociedade estivo á altura; non se pode dicir o mesmo das administracións galega e estatal"

A Editorial Galaxia edita 3 libros para conmemorar o 20 aniversario do Prestige.
Presentación de 'Prestige. 20 anos x 20 voces'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación de 'Prestige. 20 anos x 20 voces'. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Roi Cuba, participou esta cuarta feira na presentación en rolda de prensa do libro Prestige. 20 anos x 20 voces, da Editorial Galaxia, unha peza na que colaboraron vinte escritores e escritoras do panorama literario galego.

Na súa intervención, Cuba resaltou que, “mentes a sociedade galega demostrou estar á altura do acontecido, non se pode dicir o mesmo das administracións públicas galega e estatal, que destacaron pola súa pésima xestión da catástrofe”. Exemplificou esta “pésima xestión” coa “promoción de cambios lexislativos insuficientes para previr unha nova catástrofe por hidrocarburos ou ter aínda pendentes de tratamento até 10.000 toneladas de chapapote no complexo industrial das Somozas”.

O presidente de Adega explicou que os meses posteriores ao Prestige foron un “momento histórico” para o activismo ecoloxista galego e para toda a sociedade galega, e asegurou sentirse moi honrado de representar unha das organizacións ecoloxistas máis senlleiras do país.

Por outra parte, mostrou o seu agradecemento ás autoras e autores da publicación, que decidiron destinar parte dos beneficios do libro en favor de Adega. Así, a Editorial Galaxia doará á asociación ecoloxista 5% da recadación obtida polas vendas da publicación como contribución á súa acción “altruísta” na defensa ambiental de Galiza.

Tamén agradeceu o recoñecemento á “longa traxectoria de Adega na defensa da terra e do mar” materializado a través desta doazón. Cuba estendeu ese recoñecemento ao labor de máis de 13.000 voluntarios e voluntarias coordinadas polo colectivo ambientalista que acudiron durante 6 meses ás costas galegas para limpar o chapapote do petroleiro afundido.

Presentación do libro

O acto de presentación do libro tivo lugar no restaurante El Castro de Vigo, nunha rolda de prensa na que, ademais de Roi Cuba, estivo presente o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e algúns dos autores que participaron na elaboración da publicación.

En Prestige, 20 anos x 20 voces, dez escritoras e dez escritores  galegos, encabezadas pola recente Premio Nacional de Narrativa e columnista de Nós Diario Marilar Aleixandre, lembran coas súas propias palabras “aqueles días incertos e aciagos”.

Ademais, o acto serviu para presentar outros dous títulos que rememoran o 20 aniversario da marea negra: Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro, e Cando choraron as Cíes, de Santi Domínguez.

Comentarios