Fitur

As Fragas do Eume buscan un turismo comprometido

Acto de presentación de 'Fragas do Eume' na Feira Internacional de Turismo (Fitur), esta quinta feira en Madrid (Foto: Laura Veiga).
A segunda das citas impulsadas pola Deputación da Coruña na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) centrouse nas posibilidades que ofrecen as Fragas do Eume para turistas que se comprometan co medio ambiente e o seu coidado e se interesen polo patrimonio dos cinco concellos do seu arredor. 

Na tarde do segundo día da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), as Fragas do Eume cativaron a atención das persoas que asistiron á presentación deste proxecto enmarcado no Plan de sustentabilidade turística en destino impulsado pola Deputación da Coruña baixo o nome do parque natural. Así, coa colaboración dos concellos da comarca –As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela–, a institución provincial busca utilizar a súa singularidade medioambiental e a súa contorna natural como motor da estratexia turística que a sitúe no mapa. 

A presentación desta iniciativa comezou apenas uns minutos despois das 18 horas coa intervención do vicepresidente da Deputación e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, quen afirmou que “se houbese que dar unha lista de imprescindíbeis de toda a Galiza sen dúbida as Fragas do Eume estarían en calquera ránking”.

Con todo, Regueira non esqueceu lembrar que este é “o bosque atlántico mellor conservado de Europa”, o que o converte nun ecosistema sensíbel que require dunha “planificación intelixente” para poder ser un espazo turístico e “motor económico dos cinco concellos”. 

Así, como é habitual nas presentacións que se realizan no Fitur, o vicepresidente deu paso a unha pequena peza audiovisual no que se recollían imaxes das fragas, dos seus arredores e dos concellos que conectan co río, facendo fincapé no seu carácter patrimonial polos seus “camiños seculares, unha cultura milenaria, unha natureza que foi inmensamente xenerosa e unha historia e cultura popular omnipresentes”. 

Posteriormente, a pesar de estar programada, a intervención da directora de Turismo de Galiza, Nava Castro, non foi posíbel debido a motivos de saúde. Con todo, a súa ausencia foi suplida pola delegada da Xunta en Ferrolterra, Martina Aneiros, quen salientou as numerosas infraestruturas que o proxecto prevé pór en marcha.

Entre elas, a delegada fixo fincapé na creación de aparcadoiros para reducir o uso de vehículos privados, na posta en marcha de servizos de alugueiros de bicicletas e as súas correspondentes sendas para percorrer con elas e a creación de rutas de avistamento de aves e de coñecemento da fauna e da flora da contorna. 

Así, a delegada quixo subliñar a “clara aposta pola calidade e a excelencia que vai marcar unha diferenza e un valor engadido, situando o noso destino nunha posición máis privilexiada fronte a outros competidores”. Tampouco dubidou ao afirmar que “a Galiza seguirá a ser un dos destinos favoritos de turistas tanto de dentro como de fóra do Estado”. 

Turistas conscientes

Precisamente por este difícil equilibrio entre o coidado do ecosistema e o fomento das Fragas do Eume como destino turístico, o proxecto está orientado cara a un público consciente, algo que o vicepresidente da Deputación cualificou de “responsabilidade”.

Neste sentido, o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, tamén quixo facer fincapé na "nosa riqueza natural, paisaxística, cultural, etnográfica e gastronómica, un destino para quen viaxa en busca do auténtico" sen esquecer as oportunidades de emprego que este destino pode ofrecer. 

Do mesmo modo, Iago Varela deixou clara a aposta que supón este proxecto, vertebrado a través de dous eixos: a “descentralización xeográfica do turismo” e a súa “desestacionalización, algo necesario para conseguir un fluxo de visitantes ao longo de todo o ano”. 

Na mesma liña, interveu a concelleira de Turismo das Pontes, Elena López, quen animou as persoas asistentes a sentir "o latexo do Eume" a través dun destino “singular, sostíbel, integrado e responsábel” e das súas oportunidades dentro do deporte, a cultura ou a gastronomía salientando produtos como “os queixos ou os famosos grelos de Xestoso” e asegurando que este era o segredo para crear un turismo baseado nas experiencias e na singularidade.

Tendo en conta todos estes aspectos, na súa intervención, a concelleira de Turismo de Pontedeume, Yolanda Vázquez, non esqueceu falar dos retos que se presentan ante o proxecto, mais non dubidou en asegurar o compromiso existente por parte de todas as institucións "para transformar o desenvolvemento do turismo nun turismo de desenvolvemento".

Así, Vázquez, asegurou que este proxecto fora unha forma de “desdebuxar os límites e fronteiras dos concellos” e desexou ás persoas asistentes que poidan coñecer o territorio para “querer este recuncho da Galiza tanto como o queremos nós”.

O latexo do Eume

O proxecto As Fragas do Eume busca atraer turistas conscientes, que se interesen pola historia e o ecosistema do territorio e que se vexan atraídos polo latexo do río que, como manifestou a concelleira de Turismo de Pontedeume, Yolanda Vázquez, “é o latexo das persoas que viven arredor del”.