A Deputación da Coruña destina un millón a contratar técnicos deportivos

Financia até 80% dos custos salariais do traballador 
A deputada de Deportes, Cristina Capelán (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera A deputada de Deportes, Cristina Capelán (Foto: Deputación da Coruña).

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou na xornada de onte as bases da convocatoria de axudas que concede a Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico deportivo nos distintos concellos e que está dotada dun orzamento de 1.000.000 de euros.

O obxectivo destas subvencións é o de "que os concellos poidan contratar ou manter dentro do cadro de persoal aos técnicos deportivos municipais". 

A Deputación financia até 80% dos custos salariais -salario e Seguridade Social- do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado ou graduada universitaria en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. 

Os concellos poden contratar, tamén, técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou a media, pagando sempre 20% restante do salario.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas axudas "ademais de contribuír á xeración de emprego, facilitan que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenas e maiores".

Deputación de Ourense

Pola súa parte, a Deputación de Ourense outorgou, tamén en materia deportiva, 50.000 euros ao Club Náutico de Castrelo de Miño para mantemento e xestión das instalacións; 12.500 ao Cidade das Burgas de fútbol sala para gastos de funcionamento; 10.000 á Federación de Karate para o Campionato de España Infantil ou 15.000 á de Fútbol para a Copa Raíña de fútbol sala feminino.

Comentarios