Fracasa o rexistro de vivenda no rural

Aldea de Hórreos no Concello de Folgoso do Courel. (Foto: Colexio de Traballo Social)
Cinco meses despois de inaugurarse o rexistro de vivendas en núcleos abandonados do rural galego, a proposta de Ángeles Vázquez para reactivar o interior, a plataforma non contou con ningunha incorporación. A Fruga e o Colexio de Axentes Inmobiliarios piden servizos para recuperar poboación.

Un dos problemas máis importantes que ten a Galiza é o despoboamento e abandono do rural. O pasado 25 de xuño, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentaba en Sober, no corazón da Ribeira Sacra, unha plataforma que, segundo a responsábel deste departamento, Ángeles Vázquez, tiña a intención de pór "en valor" co fin de atraer "posíbeis investidores" e para que o rural "siga sendo ese lugar vital que todos precisamos e ao que todos, nalgún momento, necesitamos volver". 

O proxecto contaba cun orzamento específico e cun protocolo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza e o Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, reafirmado coa presenza dos seus máximos responsábeis na presentación da idea.

O obxectivo era, segundo a Consellaría, "mobilizar por toda a Galiza inmóbeis e núcleos abandonados, total ou parcialmente, para darlles unha segunda vida e atraer a xente a vivir no medio rural e rodeada de natureza, unha alternativa que a raíz da Covid conta cada vez con maior aceptación e demanda".

A Xunta pide máis implicación dos concellos

Fontes da Consellaría consultadas por Nós Diario sobre esta circunstancia apuntan que o rexistro continúa aberto e accesíbel desde a súa propia páxina web e piden "máis implicación por parte dos concellos" para que funcione. Sinalan que o funcionamento da que seguen a considerar "unha ferramenta útil" para o rural é unha responsabilidade dos municipios e as persoas propietarias dos núcleos que na actualidade están abandonados. 

"É unha cuestión na que os propietarios son os que deciden sobre os seus bens e se os ofrecen á venda ou alugueiro", aseguran desde a Fegamp. Este organismo que reúne a todos os concellos considera "positiva esta iniciativa e insistiremos na súa difusión, porque é certo que ao caer o verán de por medio puido quedar un pouco no esquecemento". En todo caso indican a Nós Diario que "de continuar estes resultados cabería estudar a que se deben e que se pode facer para melloralos". 

Falta de previsión e medo aos impostos

O presidente do Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, Herminio Carballido, quere activar o rexistro e recoñece as "dificultades" que teñen para facelo. "Estamos agardando que nos reciba o presidente da Fegamp, Alberto Varela, para que urxa a colaboración dos concellos", sinala. 

As principais eivas están na localización das persoas propietarias ou das herdeiras dos inmóbeis. "Temos algún axente especializado neste tipo de vivendas e custa moito", relata a Nós Diario. En relación á Xunta, cre que o proxecto da plataforma non funcionou porque non houbo previsión: "A xente que abandonou unha vivenda é que non a quere e se a pon en venda tería que pagar o Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI), aínda peor". 

As condicións en que está o rural galego na actualidade tamén dificultan calquera iniciativa de recuperación dos núcleos rurais abandonados. Carballido insiste en que "non podemos pretender que se poñan en marcha as vivendas abandonadas se para chegar a elas tes que ir por un camiño de carro ou non contan nin con luz eléctrica, moito menos con internet". Neste senso, admite que "hai moita xente interesada en ir vivir ás aldeas mais se poden moverse con facilidade e con servizos, pouca quere illarse". 

Fracaso propagandístico

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) xa advertiron no seu momento que a plataforma "era unha medida de propaganda" que quedaría encadrada "dentro da estratexia neoliberal do PP". O seu coordinador, Manuel da Cal, asegura a Nós Diario que a proposta da Xunta "mesmo como propaganda foi un fracaso". Cre que se o rexistro "continúa igual está claro que non tivo ningún efecto positivo para quen iniciou esta campaña, a propia conselleira".

Para esta organización nacionalista o problema "non está en vender casas" senón en "dar as condicións socioeconómicas necesarias para que á xente lle resulte atractivo e rendíbel ir vivir ao rural". Na Fruga consideran que "se non se crean as condicións básicas para que a xente poida seguir vivindo no rural e a outra lle resulte atractiva esta opción, por moita campaña de propaganda que se faga, non resultará". Ademais, consideran "escandaloso" o gasto que se realizou neste proxecto "para non dar ningún tipo de resultado".

A proposta estrela contra o abandono

"O fin da plataforma é a rehabilitación, o fin é a loita contra o despoboamento e o fin é poñer en valor espazos abandonados", afirmaba a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez o día da presentación da iniciativa que non tivo repercusión até hoxe.