A Fiscalía recorre ante o Supremo o fallo que deixou a Audasa sen devolver as peaxes da AP-9

Un camión e un autobús circulan por debaixo a ponte de Rande. (Foto: Europa Press)

Unha sentenza recente anulou a condena que obrigaba á concesionaria da autoestrada a devolver as cotas das portaxes a usuarias e usuarios afectados polas obras de ampliación da ponte de Rande.

A Fiscalía Provincial de Pontevedra recorreu ante o Tribunal Supremo unha sentenza para intentar que a concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, teña que devolver os cartos cobrados nas peaxes a condutoras que padeceron retencións e outros problemas derivados das obras para ampliar a ponte de Rande.

A institución optou por achegar ao alto tribunal un recurso de casación após que un auto anulara a condena que xa pesaba sobre a empresa e que lle obrigaba a resarcir a usuarias e usuarios.

Así, solicita ao Supremo que anule o fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra -que é o que agora se pon en dúbida- por interese casacional. O obxectivo é que dite outra sentenza na mesma liña que a primeira.

Malia ser a Fiscalía a que deu o paso, os demandantes eran tamén Adicae, a asociación En Colectivo e varias persoas particulares, que argumentaban que Audasa incorreu nunha práctica abusiva prohibida pola Lei de Defensa dos Consumidores e Usuarios ao cobrar integramente as portaxes a pesar de que o servizo non se brindaba nas condicións axeitadas.

A Audiencia aceptou en abril o recurso da concesionaria porque a norma tiña “unha realidade diferente á deste caso”.

O tribunal pontevedrés entendeu que non poden incluírse no concepto de "prácticas abusivas" as incidencias relacionadas co cumprimento do contrato de uso da autoestrada. Ademais considerou que non existe unha relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo.

Agora a meta da Fiscalía é revogar ese último auto. O paso dáse cando aínda se oen os ecos da polémica pola intención do Goberno español de implantar as portaxes nas autovías e, no futuro, no resto da rede de estradas.