Podemos pide a Transportes investigar a concesión da AP-9 por Aznar: "Poderíase recuperar a infraestrutura en 2023"

"Temos serias dúbidas despois deste traballo de que o Decreto asinado por Aznar que ampliaba a concesión do 2023 ao 2048 fose regular e que cumpra coa normativa europea no que ten que ver con contratación pública", sinala o deputado Gómez Reino
en 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Nós Diario).

Unidas Podemos presentou unha iniciativa parlamentaria na que piden ao Ministerio de Transportes que investigue se a concesión da AP-9 até o ano 2048 que se aprobou durante o Goberno de Aznar cumpre co marco xurídico europeo porque, de non ser así, aseguraron que "se podería recuperar a infraestrutura en 2023".

Así o trasladou en rolda de prensa o deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino, quen reivindicou que é unha infraestrutura "fundamental" para a realidade de Galiza porque conecta ao 70% da poboación.

Neste sentido, expuxo que o seu Grupo Parlamentar desde que chegou á Cámara mostrou a necesidade de recuperar a AP-9 para o público.

Por iso, manifestou que a iniciativa é o resultado do estudo dos diferentes decretos polo que se foron ampliando as concesións desta infraestrutura, particularmente dos Reais Decretos cos que Aznar e Raxoi foron ampliando as concesións.

"Temos serias dúbidas despois deste traballo de que o Decreto asinado por Aznar que ampliaba a concesión do 2023 ao 2048 fose regular e que cumpra coa normativa europea no que ten que ver con contratación pública", sinalou o parlamentario, para despois explicar que se non cumpre co que establece a UE, "podería decaer o decreto".

Segundo este deputado, o decreto aprobado por Aznar "referíase a unha obra nova" na que se ampliou un tramo de nove quilómetros e, neste punto, atoparíase o escollo. "Cando se fai un tramo hai que abrir a licitación pública. Non foi así e utilizouse para a ampliación desta concesión", explicou Gómez Reino.

En definitiva, se frutífera esta iniciativa, poderíase abordar a recuperación da AP-9 e, tal e como resaltou o deputado, isto significaría o aforro das bonificacións que, pola contra, tería que facer por vía Orzamentos Xerais do Estado o Goberno todos os anos ata o 2048.

Por último, avanzou que solicitaron unha reunión co Ministerio de Transportes para tratar a cuestión, así como con colectivos galegos que levan moitos anos denunciando a situación.

Comentarios