Ana Pontón: “A transferencia da AP-9 debe ser o primeiro paso para acabar coa estafa legalizada das peaxes”

Antes do inicio do debate no Congreso. 
Peaxe da AP-9. (Itínere)
photo_camera Peaxe da AP-9. (Itínere)

A portavoz nacional, Ana Pontón, a poucas horas do debate da Lei de transferencia da AP-9 no Congreso, destacou que "desde hoxe estará máis cerca a xestión galega" da autoestrada e, por tanto, dixo, o principio do fin dunha "discriminación histórica" e dunha política de peaxes “que son unha estafa legalizada”.

Pontón tamén destacou que esta era a segunda vez que a Cámara baixa debate a lei do Parlamento galego e, por iso, debería ser tramitada coa maior axilidade. De feito, a líder nacionalista destacou que o actual período de sesións debería ser tempo suficiente para aprobar a transferencia definitiva a Galiza dunha infraestrutura estratéxica para a economía e a mobilidade do país.

Igualmente, indicou que Euskadi ou Catalunya hai décadas que teñan a xestión directa de autoestradas coetáneas da AP9. Pontón tamén chamou a atención sobre o feito de que esta sería a primeira transferencia para Galiza desde que Feixóo chegou ao Goberno da Xunta.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou a histórica demanda da sociedade galega no relativo a autoestrada e sinalou que é “un paso nun camiño que é moito máis amplo que é conseguir unha AP9 galega e libre de peaxes”. 

Comentarios